• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


“Ao SUP e á Subdelegación do Goberno español dicímoslles que o Festigal vaise celebrar, non nos van calar”, afirma Lucía López Sobrado

“O Festigal está sinalado porque apoia o rapeiro Valtonyc”, explica Jasper (Nao)

A comisión do Festigal, integrada por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, e unha representación de artistas presentaron un Manifesto pola Liberdade Artística e de Expresión para rexeitar a censura e a represión contra o activismo cultural, social, político e sindical froito da involución de dereitos democráticos que están a padecer Galiza e o Estado español. Máis de 30 artistas conforman o grupo promotor deste manifesto que se pode asinar na nosa web para facer do Festigal a Festa da Liberdade de Expresión”.

Na rolda de prensa, Lucía López Sobrado, sinalou que o Festigal vai manter Valtonyc no cartaz e, se está libre, actuará como está previsto o 24 de xullo no Festigal”. “Ao sindicato policial SUP, que saíu publicamente atacar o Festigal por este motivo, e á Subdelegación do Goberno español dicímoslles que o Festigal se vai celebrar, non nos van calar e vannos ter enfronte sempre na defensa da democracia, da liberdade, da dignidade e da Galiza”.

“Consideramos que o Estado español, botando man da Lei Mordaza, aplica a censura a todo tipo de manifestacións que son incómodas para o sistema”, engadiu.

Pola súa parte, Jasper, vocalista e guitarra de Nao, en representación das artistas afirmou amosar “a preocupación dos compañeiros do gremio pola falta de liberdade, polos ataques continuos que hai por parte do Goberno central á liberdade de expresión, á liberdade de creación con todos estes xuízos que non rematan de ser xuízos políticos e que abranguen desde secuestros a libros, feche de exposicións en que aparecen fotos de presos políticos cataláns, como censura de cancións como sinalar co dedo determinadas bandas e grupos como se facía na Alemaña nazi cos xudeus e como se fai neste caso en Compostela co Festigal, sinalado porque apoia o rapeiro Valtonyc e denuncia coa súa contratación esta falta de liberdade e estes encarcelamentos políticos que estamos a sufrir por parte do Estado”.

“Caza de bruxas”

“Queremos deixar claro o noso compromiso coa liberdade de expresión e de creación, así como mostrar o rexeitamento a esta caza de bruxas e á represión que están a sufrir as compañeiras do mundo da cultura e, loxicamente, mostrar o apoio ao Festigal, un referente en Galiza que sempre fixo bandeira da defensa da liberdade e da diversidade dende unha ollada galega nunca subordinada en todas as súas expresións artísticas e de creación”, sinalou Jasper.

MANIFESTO: O FESTIGAL, FESTA DA LIBERDADE

Estamos a vivir tempos duros para a democracia. Tempos de vulneración de liberdades e dereitos -individuais e colectivos- sen o máis mínimo pudor. Persecución e criminalización de ideas, pres@s polític@s, secuestro de libros e exposicións, amordazamento da resposta social e da mobilización, condenas de cadea a rapeiros polas súas letras, ou o acoso e castigo a persoas por expresaren a súa opinión nas redes sociais, son só algún exemplos da forma de actuar dun Estado, o español, que persegue e  penaliza ideas disidentes co poder establecido.

O Festigal ten xa case vinte anos de historia, e desde o seu inicio fixo bandeira da defensa da liberdade e da diversidade desde unha perspectiva propia, galega, non subordinada, en todas as súas expresións artísticas e de creación. Desde a Galiza, e para o mundo.

Mais comprobamos como hoxe esa ameaza da involución democrática que toma corpo no Estado español, cérnese tamén sobre o Festigal, alvo agora de ameaza de prohibición diante do anuncio do concerto do rapeiro Valtònyc.

É por isto que as e os asinantes deste Manifesto expresamos o noso rexeitamento á involución democrática no Estado español que tamén se materializa aquí, na Galiza, e á utilización política a xustiza para aplicar a censura a todo tipo de manifestacións, artísticas e políticas, que son incómodas para sistema.
Rexeitamos, pois, a represión contra o activismo social, cultural, político e sindical.

Reivindicamos e defendemos o Festigal como festa e exhibición da liberdade de expresión e da diversidade, e manifestamos o noso compromiso de parte da Democracia, da Liberdade, da Dignidade e da Galiza.

Non nos calarán!

Asinantes promotoras e promotores do manifesto:

XIANA LASTRA, Música e produtora artística (A Banda da Loba / Seispés Produtora)
ALFONSO PATO, Cineasta e Director do Festival de Cans
LÁZARO LOUZAO, Cineasta
EMILIA CANDAL, Produtora artística / Urdime
ANTÓN DÍAZ, Músico (Papaqueixos, Ultraqäns…)
FESTICULTORES TROUPE, Banda galega
A CENTRAL FOLQUE, Produtora artística
SONDARÚA, Banda de hip-hop galego
XURXO SOUTO, Músico
BOCIXA, Músico e produtor artístico
ISA RISCO , Actriz
CULTURACTIVA, Produtora artística
MACHINA, Banda galega
CARAPAUS, Grupo de música tradicional galega
BROA, Banda galega
CAXADE, Banda galega
IRIA PINHEIRO , Actriz e Música
XIANA ARIAS, Xornalista
AITANA EANES , Produtora artística
FAMILIA CAAMAGNO, Banda galega
GUADI GALEGO, Música
TREMENDO AUDIOVISUAL, Produtora audiovisual
COMBA CAMPOY, Xornalista, escritora, actriz
ESPOSA, Banda galega
ALBERTO GARCÍA, Xestor cultural / Presidente da Asoc. Galega de Xestores/as Culturais
MARCOS PAINO, Músico
CUARTA XUSTA, Banda galega
RUXE- RUXE, Banda galega
FERNANDO CASAL, Promotor musical
MÁRIAN BAÑOBRE, Actriz
SANTIAGO CORTEGOSO, Director de teatro
CATUXA IRAGO, Promotora musical
XOÁN QUINTÁNS PIÑEIRO, Director do festival Revenidas
GARCÍA MC, Músico
PATTY CASTRO, Música
PAULIÑA, Música
MIGUEL DUARTE, Músico
DANIEL LAVESEDO, Xornalista de GZMúsica
TANXUGUEIRAS, Grupo de música tradicional galega
NAO, Banda galega

Asina ti tamén