foto-4-1024x653

Artigos de Manuel Monge “o pucelano tolo do BNG” (Membro do colectivo de presas e presos políticos na ditadura)

Publicado el 14 julio, 2019 | Opinión

Por que se retira a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo

OPleno da Coruña do pasado 6 de maio acordaba con 17 votos a favor (Marea Atlántica, PSOE e BNG) e 10 en contra (PP), retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, recollendo a iniciativa do colectivo de presas e presos na ditadura franquista no manifesto Non queremos ao “Camarada Fraga” como Fillo Adoptivo. Ese manifesto acababa así: “Como servidor do franquismo e ministro dunha ditadura criminal, Fraga non merece recoñecemento social, nin a distinción de Fillo Adoptivo”.

A moción recolle o sucedido despois da aprobación en decembro de 2007 da chamada Lei de Memoria Histórica: o 17 de decembro de 2008 a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), presentaba unha proposta para a eliminación da simboloxía franquista na Coruña, baixo o título Tolerancia cero co franquismo, que xa incluía a Manuel Fraga entre a simboloxía franquista que había que retirar porque era Fillo Adoptivo. Esta petición estaba tamén recollida no manifesto Os tempos son chegados. Pola retirada da simboloxía franquista da Coruña e as distincións honoríficas a Franco e a todos os ministros da Ditadura, promovido pola CRMH en xuño de 2009 e que era apoiado por un numeroso grupo de entidades, historiadoras e historiadores.

A chamada Comisión de Expertos da que formei parte non tratou o tema de Fraga porque había un documento base, que non incluía a Fraga. Fixen a proposta de debater tamén, entre outros, o caso de Fraga e alcaldes na ditadura como Sergio Peñamaría de Llano, pero foi rexeitada e chegou á Comisión de Honras e Distincións como voto particular.

O Pleno de 7 de setembro de 2009 acordaba a retirada de distincións honoríficas a Francisco Franco e a oito ministros na ditadura, entre eles José Ibáñez Martín (Fillo Adoptivo desde o 4-2-1946) e José Antonio Girón de Velasco (30-11-1950); retirábase tamén a distinción de Fillo Adoptivo a Tomás Garicano Goñi e Juan Castañón de Mena no mesmo Pleno de 15-5-1972. Nese período recibe tamén Fraga a distinción de Fillo Adoptivo (24-12-1968).

Posteriormente, e dentro do informe presentado pola CRMH en xaneiro de 2015, véspera das eleccións municipais, para completar a retirada da simboloxía franquista, estaba tamén incluída a retirada das distincións honoríficas a Manuel Fraga e Laureano López Rodó. Este informe era apoiado, nunha presentación conxunta, polos partidos que formaban parte do Goberno municipal da Marea Atlántica, así como PSOE e BNG.

A retirada das distincións a todos os ministros de Franco pola represión na que participaron e a violación de dereitos humanos, estaría incluída dentro do artigo 15 da Lei de Memoria Histórica que fala da “retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.

O alcalde Xulio Ferreiro falaba en outubro de 2015 de “buscar o maior consenso posíbel antes de actuar”. Despois de 43 meses desa declaración, os tempos son chegados e xa hai o máximo consenso posíbel. Por iso, Nicanor Acosta, membro do colectivo de presas e presos, dicía desde o Escano Cidadán no Pleno de 14 de xaneiro de 2019: “Confiamos en que esta digna Corporación teña tolerancia cero co franquismo e os seus colaboradores, e que moito antes do mes de maio retire a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo”.

A moción non fala para nada do Presidente da Xunta e refírese ao “Camarada Fraga” (era o tratamento entre os fascistas), que recibe esa distinción cando era ministro da ditadura. Como recolle a moción: “Estamos ante unha auténtica anomalía dentro das democracias europeas, que hai que superar. En 1946 a Asemblea de Nacións Unidas catalogaba o franquismo como unha ditadura ao mesmo nivel que a Alemaña nazi ou o fascismo en Italia. Algún ministro dos gobernos de Hitler ou Mussolini conserva hoxe a distinción de Fillo Adoptivo nalgún concello de Alemaña ou Italia?”. A presentación polo alcalde, como aprobou o Pleno, da proposta de revogación de honras e distincións a Fraga e López Rodó e aos alcaldes na ditadura, non depende do tempo „pasaron 26 meses desde a constitución da Comisión Municipal da Memoria Democrática„, senón da vontade política.

Artigo por Manuel Monge / cortesía La Opinión A Coruña.

Acabemos xa con máis de 100 “Fillos Adoptivos”

Retirada en Cangas dunha placa de homenaxe a Primo de Rivera © ACE

Que ninguén se preocupe. Este artigo non se refire a fillos adoptivos desexados, senón a máis de 100 persoas relacionadas coa ditadura franquista e que, por toda Galiza, teñen a distinción honorífica de Fillo Adoptivo ou Predilecto; Medalla, Alcalde Honorario, rúas, retratos, placas, monolitos etc.

Non podemos manter nin un día máis esta vergoña, despois de 44 anos da morte do ditador Franco e 11 despois da aprobación da chamada Lei de Memoria Histórica, porque é unha exaltación daqueles que participaron no golpe de Estado contra o goberno lexítimo e democrático da República, na represión contra o pobo, formaron parte dos gobernos da ditadura ou ocuparon postos de responsabilidade nas distintas institucións. Por outra parte, manter esa simboloxía franquista é unha ofensa e humillación para as vítimas do franquismo.

Que argumentos ou referencias teñen algúns concellos galegos para manter esa simboloxía franquista? Os concellos de Bilbao, Barcelona, Pamplona, Valencia ou Cádiz, por poñer algúns exemplos, conservan algunha rúa ou distinción honorífica a alcaldes da ditadura? Se o concello de Bilbao, cos votos de PNV e PSOE considera como “ilexítimos” os alcaldes da ditadura porque non foron elixidos, senón nomeados pola autoridade franquista, por que na Coruña continúan 25 símbolos franquistas (rúas, retratos e distincións honoríficas) relacionados cos alcaldes da ditadura?

É unha vergoñenta situación, que ten como máximo responsábel ao PP, que durante anos tivo o poder na Xunta, deputacións e moitos concellos, pero tamén é responsabilidade de concellos e deputacións gobernados desde 2007 polos chamados gobernos nacionalistas e progresistas e que non tomaron medidas para acabar con tanta indignidade. O goberno municipal da Coruña ten coñecemento dun informe que presentei sobre a existencia de 74 símbolos franquistas, se tomamos como referencia cidades como Bilbao; e a Presidencia da Deputación da Coruña coñece outro informe sobre 32 símbolos franquistas que mantén a institución provincial. Pero non son casos illados, senón que se estenden por toda Galiza como unha auténtica praga. O historiador Xesús Torres presentaba en 2012 un documentado informe sobre Betanzos onde aparecen, polo menos, nove casos de distincións honoríficas e rúas a persoas vinculadas coa ditadura franquista: ministros, alcaldes, gebernadores civís, falanxistas, militares golpistas. Como se poden manter as honras públicas –é Fillo Predilecto e ten a Medalla de Prata– a Juan Jesús García Iribarne (alcalde de Betanzos na ditadura de 2 de decembro de 1937 a 2 outubro de 1939), que puxo do seu peto 400.000 pesetas en 1936 para patrocinar ao goberno de Franco, é dicir, a fascistas que asasinaron a varias ducias dos seus veciños, entre eles os alcaldes Tomás López Datorre e José Novo Rodríguez?

Levamos moito atraso na aplicación da Lei de Memoria Histórica. Así, sobre a eliminación de retratos, rúas e distincións, as Xuntas Xerais de Biscaia (equivalente a Deputación Provincial) deixaban moi clara a súa posición no Pleno de 9 de febreiro de 2010: “La presencia de cualquier símbolo o elemento de otro tipo que con su permanencia siga alabando los valores y las personas que hicieron posible aquel régimen fascista supone un grave perjuicio contra la memoria de las víctimas de ese régimen y supone un grave ataque contra el más elemental sentido democrático aquí y ahora. Malamente podemos educar en valores basados en la democracia mientras que símbolos que representan justamente a un régimen que se construyó contra ella siguen presentes en nuestros espacios públicos y también en algún caso incluso espacios institucionales”. Tomaban, entre outros, o seguinte acordo: “Las Juntas Generales de Bizkaia instan al Gobierno Vasco y resto de instituciones a que en el plazo máximo de tres meses a partir de la aprobación de la presente propuesta sea eliminado de cualquier espacio publico o institucional del territorio histórico de Bizkaia todo aquel elemento que haga referencia a la dictadura franquista en cualquiera de sus manifestaciones o a cualquiera de sus promotores, inspiradores o personas que ejercieron algún tipo de poder durante la misma”.Sen facer agora unha análise detallada por concellos, que alongaría este artigo, sinalo algúns casos de Galiza.

Numerosos militares golpistas que participaron na sublevación militar e fascista o 18 de xullo de 1936 contra o goberno da República, conservan rúas e distincións que, nalgúns casos, xa foron retiradas noutros concellos e deputacións. Así, o xeneral golpista Constantino Lobo mantén a distinción de Fillo Adoptivo da Coruña, Santiago e Fillo Predilecto da provincia, cando xa perdeu en 2009 a Medalla de Prata no concello de As Pontes. O concello da Coruña retirou en 2009 a distinción de Fillo Adoptivo ao xeneral Enrique Cánovas Lacruz (foi o xefe da guarnición militar da Coruña sublevada en 1936), pero aínda é Fillo Adoptivo da provincia.

Un caso especial é o de Salvador Moreno Fernández, que participou activamente na sublevación no Arsenal de Ferrol, apoderándose do cruceiro Almirante Cervera que, posteriormente, bombardeou Xixón; en febreiro de 1937 e despois da ocupación da cidade de Málaga polo exército de Franco, bombardeaba desde o cruceiro Canarias a poboación que fuxía pola estrada desde Málaga a Almería, provocando entre 3.000 e 5.000 persoas mortas. Xefe do Estado Maior da Armada (1937), Ministro da Mariña (1939-1945 e 1951-1957), Almirante desde 1950. Estaba entre os 35 altos cargos do franquismo imputados pola Audiencia Nacional –sumario instruído polo xuíz Baltasar Garzón– polos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade. O goberno municipal de Pontevedra xa retirou a súa rúa en 2002, que hoxe é Rosalía de Castro. Pero este criminal conserva a distinción de Fillo Predilecto da provincia da Coruña e doutros concellos.

A deputación da Coruña aínda ten a numerosos militares golpistas con distincións honoríficas: José María Rivero de Aguilar OteroFrancisco Delgado Serrano e Fermín Gutiérrez de Soto, que ocuparon a Capitanía Xeral de Galiza na ditadura. No concello da Coruña xa retiraron a estes dous últimos xenerais as distincións honoríficas. Tamén conserva a distinción de Fillo Predilecto Francisco Núñez Rodríguez, golpista e Capitán Xeral de Ferrol. Como contraste, a deputación de Barcelona retiraba o 30 de xuño de 2016 a Medalla de Ouro a dous golpistas: Capitán Xeral José Moscardó Ituarte e Capitán Xeral Agustín Muñoz Grandes.

O concello da Coruña mantén a distinción de Fillo Adoptivo ao xeneral golpista Severiano Martínez AnidoJosé Calvo Sotelo é Fillo Adoptivo e Predilecto e Medalla de Ouro; Mario Muslera Planes é Fillo Adoptivo da Coruña e Miguel Primo de Rivera ten a medalla de Ouro da provincia da Coruña. Os retratos deste catro militares golpistas presiden un salón anexo á Alcaldía.

A nómina de falanxistas e fascistas é moi numerosa. Enrique Salgado Torres que participou na depuración política despois do trunfo dos sublevados e que foi procurador nas Cortes franquistas, aínda ten a Medalla de Ouro, é Fillo Predilecto da provincia e dá nome a unha avenida e un colexio da Coruña. José Fariña Ferreño, falanxista e golpista ten unha rúa na Coruña (barrio do Castrilón), Medalla de Ouro da Coruña, Medalla de Prata da Coruña e Betanzos, e Fillo Predilecto da provincia. Antonio Pedrosa Latas, significado falanxista que participou na represión en Lugo. Este concello retiroulle a distinción de Fillo Adoptivo, pero conserva esa mesmo distinción da provincia da Coruña.

Aprobadas mocións nos concellos de Ferrol e A Coruña para retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, aínda falta por retirar esta distinción nos concellos de Santiago, Verín, Cervo, Pontedeume, Cedeira, Tui e o de Fillo Predilecto de Vilalba. Como dicía o manifesto de presas e presos políticos na ditadura NON QUEREMOS AO “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO, “como servidor do franquismo e ministro dunha ditadura criminal, Manuel Fraga non merece recoñecemento social, nin a distinción de Fillo Adoptivo”.

O concello de Santiago xa retirou a Laureano López Rodó as distincións de Alcalde Honorario e Fillo Adoptivo, pero aínda é Fillo Adoptivo da Coruña e da provincia. Por outra parte, numerosos ministros de Franco conservan distincións por toda Galiza: Pedro Nieto Antúnez, Gonzalo Fernández de la Mora, Antonio Carro Martínez, José Ibáñez Martín, Juan Antonio Suanzes Fernández, Jorge Vigón etc.

Tamén é numerosa a lista de gobernadores civís na ditadura, que conservan distinción honoríficas: José Manuel Pardo de Santayana é Fillo Adoptivo da Coruña e Fillo Predilecto da provincia; o concello da Coruña retirou a Rafael Hierro Martínez a distinción de Fillo Adoptivo, pero conserva esa distinción da provincia, así como Cristobal Graciá Martínez, Diego Salas Pombo, Evaristo Martín Freire.

Un grupo de ministros dos gobernos da ditadura franquista conservan distincións honoríficas da Deputación da Coruña: José Antonio Girón de Velasco (xa retiraron distincións honoríficas a este significado falanxista, entre outros moitos, os concellos de As Pontes e da Coruña), Gonzalo Fernández de la Mora (xa non é Fillo Predilecto de Santiago por acordo do Pleno de 19 de xullo de 2018), Cirilo Cánovas García (o concello de Valencia retiráballe a distinción o 28 de xullo de 2016), Laureano López Rodó (o concello de Santiago retiraba as distincións de Alcalde Honorario e Fillo Adoptivo o 19 de xullo de 2018). Tamén Manuel Fraga, ministro da ditadura, ten a distinción de Fillo Adoptivo.

O Pleno de Madrid retiraba ao bispo Leopoldo Eijo Garay a Medalla de Ouro pola súa vinculación co franquismo, pero en Santiago aínda é Fillo Adoptivo o bispo José Guerra Campos, significado defensor e predicador do franquismo, procurador nas Cortes por designación de Franco de 1967 a 1977 e que votou en contra da Reforma Política que se debateu nas Cortes o 18-11-1976.

Despois da constitución das corporación locais e das Deputacións nos próximos días, os tempos son chegados para acabar coa simboloxía franquista. Os gobernos municipais nacionalistas e progresistas deberían tomar, como mínimo, estas dúas medidas: incluír no programa de goberno un compromiso para acabar coa simboloxía franquista, concretando os obxectivos e o tempo de execución. E as deputacións deberían, como xa fixeron en Badaxoz, Valencia, etc, elaborar un inventario da simboloxía franquista que queda en cada concello e esixir a súa retirada.

 

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Los comentarios están cerrados