mongeferrol-628x260

Artigos de Manuel Monge “O pucelano tolo do BNG”: Fundacións fascistas/Cataluña.

Publicado el 6 noviembre, 2017 | Opinión, Prensa

 MANUEL MONGE – MESTRE E SOCIÓLOGO, FOI CONCELLEIRO DO BNG NA CORUÑA (2003-2007), EXPRESIDENTE DA COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DA CORUÑA

España como paraíso das fundacións fascistas

(Cortesía de sermosgaliza.gal)

   As fundacións fascistas, de ultradereita ou nostálxicas do franquismo son utilizadas hoxe polo PP como a punta de lanza contra a democracia e os dereitos das persoas e dos pobos, actuando en moitos casos con violencia e impunidade. E aí está a presenza de dirixentes do PP encabezando concentracións e manifestacións.
   Considero que a situación é aínda máis grave e preocupante porque ultimamente na cabeza de manifestacións que convocan algunhas organizacións, infiltradas con significados dirixentes da ultradereita e fascistas, aparecen tamén coñecidos militantes de partidos da esquerda.
Unha aperta.
Manolo

O BNG denunciaba na Fiscalía a Fundación Francisco Franco por “delito de odio” despois das declaracións de Jaime Alonso, portavoz desa fundación: “Franco non fusilaba por capricho”; “Foron represaliados por algo”. Por outra parte, o BNG presentaba unha denuncia no Alto Comisionado dos Dereitos Humanos da ONU en Xenebra pedindo a devolución ao patrimonio público do Pazo de Meirás e a ilegalización da Fundación Francisco Franco, que fai apoloxía do fascismo.

 

Obxectivos da Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF)

 

Os estatutos da FNFF, constituída o 8 de outubro de 1976, teñen entre os seus obxectivos: “toda actividade que conduza a enaltecer a figura de Franco”, é dicir, facer apoloxía da ditadura e do fascismo. Sería posíbel en Alemaña ou Italia a existencia dunha fundación, subvencionada con cartos públicos, para defender a memoria de Hitler ou Mussolini?

 

O PP sempre apoiou e subvencionou á Fundación Nacional Francisco Franco

 

Entre os fundadores e membros do seu padroado desde a súa fundación figuran significados fascistas e fundadores de Alianza Popular (AP), despois reconvertida en Partido Popular (PP). Falanxistas como José Utrera Molina, ex ministro franquista, que fora sogro de Alberto Ruiz Gallardón, foi presidente da FNFF; José Antonio Girón de VelascoFernando Dancausa de Miguel (morreu en 1992), pai de Concepción Dancausa, actual Delegada do Goberno en Madrid; Dancausa foi alcalde de Burgos na ditadura de 1965 a 1973 e procurador nas Cortes franquistas; candidato ao senado por AP nas eleccións de 1977. Outros dos membros dese padroado foron ex ministros de Franco e fundadores de AP: Gonzalo Fernández de la MoraCruz Martínez EsteruelasEnrique Thomas de CarranzaBorja Benítez de Lugo, senador do PP, é membro do Padroado desa Fundación.

 

A FNFF ten unha saneada economía e en 2015 tivo uns ingresos de case 180.000 euros: 97.605 de cuotas de afiliados e 75.372 de subvencións, doazóns e legados. Entre 2000 e 2003 recibiu 150.841 euros en subvencións do goberno de Aznar. A Familia Franco recibiu 53.713 euros da Xunta de Galicia do PP entre 2011 e 2013 para gastos de seguridade e organización das visitas do pazo de Meirás.

 

A FAMILIA FRANCO RECIBIU 53.713 EUROS DA XUNTA DE GALICIA DO PP ENTRE 2011 E 2013 PARA GASTOS DE SEGURIDADE E ORGANIZACIÓN DAS VISITAS DO PAZO DE MEIRÁS

 

 

Os cartos da Fundación son empregados, entre outras actividades, para non cumprir a Lei de Memoria Histórica. Así, enviou unha carta a 355 alcaldes ofrecendo asesoramento xurídico para que non retiren os símbolos franquistas das rúas e edificios públicos. E o PP non fai nada.

 

A familia Franco encargou á FNFF a organización das visitas ao pazo de Meirás e xa manifestaron que aproveitarán para enaltecer a figura do ditador (“é unha excelente oportunidade para mostrar ao grande público a grandeza da figura de Francisco Franco”), é dicir, apoloxía do fascismo. O PP non fai nada para impedir esta ilegalidade e rexeitaba no Parlamento de Galicia unha proposta do BNG para que a Xunta impida que a FNFF sexa quen organice esas visitas.

 

A FAMILIA FRANCO CONSEGUIU ACUMULAR UN PATRIMONIO QUE ESTÁ VALORADO EN MÁIS DE 600 MILLÓNS DE EUROS

 

Por outra banda, a familia Franco recibiu un trato privilexiado dos sucesivos gobernos desde a morte do ditador o 20 de novembro de 1975, cousa insólita nun país democrático. A viúva recibía unha paga anual superior ao salario do Presidente do Goberno. A familia vendeu propiedades doadas a Franco como Xefe do Estado, tivo todo tipo de facilidades para especular con fincas e casas e hoxe teñen unha fortuna de más de 600 millóns de euros. Poucos días despois de morrer o ditador, o rei Juan Carlos concedía os títulos de Señorío de Meirás e Ducado de Franco, que aínda conservan.

 

Dirixentes do PP reciben distincións da FNFF

 

Esta fundación organiza todos os anos un acto de exaltación do ditador, presidido pola bandeira da ditadura, que outorga os títulos de “Caballeros e Damas de Honor” ás persoas que máis destacan na defensa da figura do ditador. Entre os premiados en anteriores edicións aparecen significados dirixentes do PP: José María Velo de Antelo, fundador do PP e vicepresidente do primeiro congreso deste partido; Jesús López Medel, deputado do PP de 1996 a 2008 etc. Na última entrega destas distincións a persoas que destacan na defensa de “la memoria del Caudillo”, celebrada en Madrid o 2 de decembro de 2016 e coa presenza de Carmen Franco Polo, filla do ditador, aparecen tres significados dirixentes do PP:

 

Juan Antonio Morales, deputado do PP na Asemblea de Estremadura e secretario provincial de Badaxoz, aproveitaba o acto para denunciar o que chamaba “adoutrinamento aos mozos nos centros de ensino”, que reciben “unha versión terxiversada” da ditadura.

 

Ana Rivelle, alcaldesa do PP de Alberche del Caudillo, defendía no seu discurso “a historia e a obra de Francisco Franco” e agradecía o apoio da Fundación Francisco Franco despois da denuncia que recibiu “por un suposto delito de incitación ao odio ao se negar a cambiar denominación do seu pobo”.

 

Antonio Pozo, alcalde de Guadiana del Caudillo, aseguraba que “mentres estea o que vos fala, respire e sexa alcalde, ninguén borrará a historia e a imensa obra do Caudillo naquelas terras”. Este alcalde négase a cumprir unha sentenza xudicial que obriga a cambiar o nome do concello en aplicación da Lei da Memoria Histórica. Tamén foi galardoada unha persoa que intentou impedir a retirada “das placas que lembran os caídos” en Herencia (Cidade Real). Rajoy no sabe nada, o PP permite este desacato á Lei e non aplica o apartado que recolle a retirada de subvencións ou axudas pública a aqueles que se negan a cumprila.

 

A Fundación Nacional Francisco Franco non é un feito illado, senón que existen outras fundacións dedicadas a franquistas e golpistas.

 

Os gobernos de Felipe GonzálezJosé María Aznar e Mariano Rajoy legalizaron fundacións ultradereitistas ou fascistas: Fundación Yagüe (este xeneral foi un dos principais militares golpistas en 1936, coñecido como El carnicero de Badajoz polos crimes cometidos nesa cidade). Fundación José Antonio Primo de Rivera, fundador da Falanxe; Fundación Pro-Infancia Queipo de Llano (Gonzalo Queipo de Llano foi un auténtico criminal de guerra); Blas Piñar (fundador de Fuerza Nueva); Fundación Hijas de Millán AstrayFundación Ramiro Ledesma Ramos (ideólogo do nacionalsindicalismo; o chamado Hogar Social de Madrid leva o seu nome); Fundación Serrano Súñer, estreito colaborador de Franco; Fundación Capitán Cortés (Santiago Cortés González, capitán da Garda Civil de Xaén, que participou na sublevación de 1936 contra a República).

 

As opinións e actividades destas fundacións teñen amplo eco en moitos medios de comunicación. Por outra banda, proliferan as actuacións claramente ilegais de grupos fascistas, que actúan con certa impunidade. Así, a fachada da sede do BNG da Coruña foi pintada. A exposición A forza necesaria, do deseñador Pepe Barro, centrada na historia do movemento obreiro e sindical da Coruña, aparecía con pintadas fascistas na praza da Palloza o 21 de maio de 2017. Poucos meses antes apareceron outras pintadas no Ateneo Libertario Xosé Tarrío da Coruña.

 

Outras fundacións de orientación claramente franquista están a tomar un gran protagonismo nos últimos meses con motivo da convocatoria do referendo en Cataluña. Así, a Fundación para la Defensa de la Nación Española (DENAES) –creada en 2006 por Santiago Abascal cando era dirixente do PP e que, posteriormente, fundou Vox– convocaba manifestacións en varias cidades o sábado 30 de setembro “ante a situación que os sediciosos golpistas están provocando en Cataluña”. Esta fundación recibiu 156.000 euros entre 2011 e 2014 cos gobernos do PP de Esperanza Aguirre e Ignacio González. Máis de 40 entidades de ultradereita apoiaban estas concentracións que contou co apoio de entidades como Fundación Valores y Sociedad, creada e dirixida por Jaime Mayor Oreja, Hazte Oir, Galicia Bilingüe, Fundación Villacisneros, que ten a Esperanza Aguirre no consello asesor, etc.

 

OS GOBERNOS DE FELIPE GONZÁLEZ, JOSÉ MARÍA AZNAR E MARIANO RAJOY LEGALIZARON FUNDACIÓNS ULTRADEREITISTAS OU FASCISTAS

 

O PP promociona as actividades da ultradereita e os seus líderes están en primeira fila nos actos que convocan. Nalgúns casos actúan con gran violencia como na agresión no metro de Barcelona a unha persoa de orixe sudamericano ou rebentando con graves agresións a Diada do 9 d´octubre en Valencia. Neste clima de violencia, Pablo Casado, vicesecretario de Comunicación do PP ameazaba a Puigdemont se declaraba a independencia: “Se cadra o que a declare acaba como quen a declarou hai 83 anos”,, referíndose a Lluís Companys, presidente da Generalitat, que en 1934 proclamaba a creación do Estado Catalán  e en 1940 foi detido, torturado e fusilado pola ditadura franquista.

 

Estamos ante un caso único na Europa democrática, que xa fora recollido en 2014 nun informe de Pablo Greiff, Relator Especial da ONU sobre Verdade, Xustiza, Reparación e Garantías de non Repetición. Non é un tema novo porque Compromís xa solicitara no Congreso a ilegalización da Fundación Francisco Franco e outros grupos denunciaban as vantaxes fiscais e subvencións recibidas polas fundacións franquistas. Hoxe as fundacións fascistas ou nostálxicas do franquismo son utilizadas polo PP como a punta de lanza contra a democracia e os dereitos das persoas e dos pobos, actuando en moitos casos con violencia e impunidade.

O FISCAL MAZA E A XUÍZA LAMELA LEVAN RAZÓN

O Fiscal Xeral José Manuel Maza e a xuíza Carmen Lamela levan moitos días explicando que no referendo do 1 de outubro en Cataluña houbo unha auténtica “insurrección”, un “levantamiento violento”.
En consecuencia, enviaron hai días a prisión aos presidentes da Asamblea Nacional Catalá e de Òmnium Cultural, e hai uns minutos a nove consellers do Govern (sete homes e dúas mulleres) como responsábeis destes feitos.
Pego abaixo as 165 probas desa violencia, que tiveron en conta o fiscal e a xuíza para “xustificar” o seu ingreso en prisión.
Recomendo dedicar un pouco de tempo para ver todas as probas.
Unha aperta.
AS PROBAS: PREME NA LIGAZÓM.
https://www.dropbox.com/sh/enesonyposmlqlq/AACDxpRhFEzo-3xqXEbsnJQ5a?dl=0

A INFORMACIÓN SILENCIADA SOBRE CATALUÑA

 Los fieles han aplaudido otra vez al final de la homilía de este domingo por la mañana en la misa conventual de Montserrat. El padre Bernabé Dalmau ha defendido que “se tengan las convicciones políticas que se tengan, ¿quién de nosotros, cristianos, no ha sentido al mismo tiempo pasmo y misericordia por las personas víctimas de cargas policiales, por los presos políticos, por la gente que ha visto que las amenazas se convierten ahora en objeto de venganza?” (El Nacional.cat, 29-10-2017)

(CORTESÍA DE PRAZA.GAL)

Non falo de información secuestrada porque foi publicada nalgúns medios de comunicación, senón  dunha información silenciada ou pouco difundida. É unha política marcada polos propietarios dos medios, á marxe das traballadoras, sen ter en conta, moitas veces, o dereito á información e guiada por criterios ideolóxicos e políticos.

Despois de días e días difundindo case todos os medios de comunicación a información que, interesadamente, filtraban desde o Goberno a El Periódico sobre unha suposta advertencia desde EEUU á Generalitat de posíbeis atentados terroristas nas Ramblas de Barcelona, co único obxectivo de desprestixiar o traballo dos Mossos, a Oficina do Director de Intelixencia Nacional de EEUU comunicaba que non existía ningún rexistro de supostas mensaxes do Centro Nacional Antiterrorista (CNTC), primeiro aos Mossos e despois como resposta a unha petición de información do Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO). A intelixencia de EEUU desmentía así a existencia desa suposta “nota”, avisando dun posíbel ataque terrorista, pero ese desmentido foi bastante silenciado.

Sobre a consulta á cidadanía, a xornalista Julia Otero manifestaba o 19 de novembro de 2016: “Agora a única alternativa é poñer as urnas. O 80% dos cataláns queren esa consulta”.  Máis de 700 alcaldes de Cataluña (entre PP e Ciudadanos só teñen dúas alcaldías) eran chamados a declarar polo seu apoio ao referendo do 1de outubro.

Non falo de información secuestrada porque foi publicada nalgúns medios de comunicación, senón  dunha información silenciada ou pouco difundida. É unha política marcada polos propietarios dos medios, á marxe das traballadoras, sen ter en conta, moitas veces, o dereito á información e guiada por criterios ideolóxicos e políticos.

Difundiuse que os colexios electorais dos centros de ensino estaban ocupados por pais e nais irresponsábeis, que secuestraron aos seus fillos e que estes eran utilizados como reféns. A verdade é que foi a plataforma Som Escola, que agrupa a 43 entidades educativas e sociais, quen fixo un chamamento en defensa dos centros educativos como colexios electorais, e cando o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña ordena o seu precinto, manifestaba: “Rexeitamos a intención de precintar colexios e queremos abrilos á democracia e ao referendo”. E a Federación de Nais e Pais de Alumnado de Cataluña denunciaba a “inxerencia xudicial e policial no normal funcionamento do día a día lectivo dos nosos centros”. Por outra parte, decenas de avogados concentrábanse o 27 de setembro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña contra a xudicialización da política e manifestaban que convocar un referendo non é delito.

Human Rights Watch, ONG defensora de dereitos civís, denunciaba que no referendo de 1-O a policía española “utilizou de maneira excesiva a forza contra manifestantes en Cataluña, utilizando porras para golpear a persoas que se resistían pasivamente e causando múltiples feridos”. O Goberno do PP e moitos medios cuestionaron a veracidade de elevado número de feridos o día do referendo polas cargas de Garda Civil e Policía Nacional, pero silenciaron un informe detallado da Generalitat sobre os 1.066 feridos: tipoloxía da lesión, gravidade, lugar onde foron atendidos. O informe recollía tamén que foron atendidos 12 axentes e non 431 como difundiu o Ministerio do Interior.

As leis non poden cambiarse pola mobilización cívica, esa era a mensaxe reiteradamente difundida. Poucos medios informaron, recuperando a memoria histórica, que en Andalucía a mobilización da sociedade conseguíu cambiar a lei. O 4 de decembro de 1977 case dous millóns de persoas manifestábanse en Andalucía polo seu autogoberno. Posteriormente, reclamaron o acceso á autonomía pola vía do artigo 151 da Constitución (non sería necesario esperar cinco anos para acceder a determinadas competencias, como sinala o apartado 2 do artigo 148 da Constitución), pero o citado 151 establecía, entre outras condicións, que “a iniciativa sexa ratificada mediante referendo polo voto afirmativo da maioría absoluta dos electores da cada provincia nos termos que estableza unha lei orgánica”. Celebrado o referendo o 28 de febreiro de 1980 para acceder ao Estatuto de Autonomía por esa vía, Almería non acadou esa maioría absoluta. A presión cívica conseguiu que para validar ese referendo se cambiase a Lei de Referendo, primeiramente no Congreso o 11 de novembro e posteriormente no Senado o 2 de decembro de 1980.

Difundiron que todos os que votaban o 1-0 eran independentistas, os que convocaban as protestas eran independentistas e os que se manifestaban eran independentistas …A verdade é que a manifestación do 21 de outubro de 2017 na que participaron 450.000 persoas pedindo, entre outras cousas, a liberdade de Jordi Sánchez e Jordi Cuixart e a non aplicación do artigo 155 da Constitución, foi convocada pola Taula per la Democràcia, que agrupa e 70 entidades de todo tipo e reivindica “o dereito a decidir o seu futuro político do pobo de Catalunya”: UGT, CCOO, USO, Intersindical, Unión de Pagesos, Sindicat de Periodistes de Catalunya etc.

Houbo unha difusión masiva dunhas poucas denuncias de particulares por un suposto adoctrinamento do alumnado nos centros de ensino. Na cidade de Barcelona hai 37 inspectores de educación. Ampla difusión das declaracións dun inspector: “Soy inspector en Barcelona y sí, se adoctrina en los colegios”. Non tivo tanta difusión o que opinaban os 36 inspectores restantes: “Pleno rechazo por esa afirmación. No está fundamentada e responde a un uso totalmente partidista de la educación”. Tamén se silenciou ao Marc Unitari de la Comunitat Eucativa (MUCE) que reúne a sindicatos (USTEC-STEs, CCOO, UGT), Federación de Movementos de Renovación Pedagóxica, asociacións de estudantes, asociacións de nais e pais (Fapac e Fapaes) USOC (sindicato de profesores da escola concertada) etc, que convocou concentracións en defensa do actual modelo de escola catalá. Tamén foi silenciada a patronal de ensino privado de Cataluña, que agrupa a 700 centros educativos, que “rexeita as declaracións de varios representantes parlamentarios ou do goberno do Estado en torno a un pretendido adoutrinamento e incitación ao odio dende as aulas escolares”.

Sobre a situación de prisión dos presidentes da Asemblea Nacional Catalá, Jordi Sánchez, e de Òmnium Cultural, Jordi Xuixart, acusados de sedición, mil xuristas de Cataluña asinaban un manifesto no que esixían a súa excarceración porque a súa situación  “non responde a criterios legais senón a un uso ideolóxico do Dereito que supón a quebra do principio de separación de poderes, o uso partidista da Fiscalía e a vulneración de dereitos fundamentais”.

Organizacións internacionais en defensa dos dereitos humanos tamén se pronunciaron. Así, Amnistía Internacional pedía a liberdade inmediata destes presos e que “se retiren os cargos de sedición presentados”. Estes cargos son “restricións excesivas do seu dereito á liberdade de expresión e de reunión pacífica”. Consideraba AI que estamos diante dunha “resposta xurídica desproporcionada, segundo o dereito internacional”. Rafael Ribó, Sindic de Greuges (unha especie de Valedor do Pobo) manifestaba que a orde xudicial de prisión “constitúe unha decisión contraria aos dereitos e liberdadescomprendidos nos tratados internacionais ratificados polo Reino de España, en especial a liberdade de expresión, a liberdade de reunión e manifestación, e o dereito á liberdade e seguridade”. Se non aplican outras medidas cautelares menos severas, “podería pensarse que se pretende criminalizar entidades e correntes de opinión en Cataluña e descabezar as súas direccións”.

Nunha Carta aberta a España e Cataluña, 24 premio Nobel –entre eles dez Nobel da Paz– facían un chamamento á “mediación e negociación”. Lembraban que o conflito non se iniciou o 1-O, senón “fai sete anos coa invalidación polo Tribunal Constitucional do Estatut de autonomía de Cataluña de 2010”. Sobre as cargas policiais o día do referendo, refírese a carta a “escenas de brutalidade policial, a violencia e uso de balas de goma contra o pobo de Cataluña”. Lembraban tamén os Nobel que en democracias “maduras” celebráronse referendos de autodeterminación en Escocia e Quebec con normalidade e gañou o “non”. Acababan dicindo que “un pobo que se sinte reprimido raras veces desaparece silenciosamente na noite”.

O Goberno aprobaba en horas un Decreto para facilitar o cambio da sede social das empresas. A continuación houbo unha información diaria, difundida masivamente, das empresas que trasladaban a súa sede social fóra de Cataluña. Era unha operación perfectamente orquestrada coa implicación das máis altas instancias do Estado, e o presidente do comité de empresa de Seat e presidente da UGT de Cataluña manifestaba a EITB que a empresa recibiu “presións políticas e monárquicas” na recepción oficial do 12 de outubro.

A manipulación informativa foi denunciada polo Consello de Informativos de TVE nun informe de 72 páxinas. Sinalaba que entre o 1 e 8 de outubro de 2017 houbo unha “acumulación de malas prácticas profesionais que non teñen equivalente na historia recente da televisión pública”. E concretaban: “múltiples casos de censura, falta de pluralidade nos debates e mesas de análise, parcialidade, improvisación e mala planificación, dobre tratamento etc”. Pedían o cese de José Antonio Álvarez Gundín, director dos Servizos Informativos e de todo o seu equipo directivo e que se faga efectiva a modificación da lei para a elección do director e os conselleiros da Corporación RTVE, aprobada no Congreso o 29 de setembro de 2017.

 

 

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *