Non ao tarifazo eléctrico, si a unha tarifa eléctrica galega. Non a políticas dictadas ao servizo do lobby eléctrico (con gobernos do PP, PSOE ou PSOE-UP) e si a unha compañía galega de enerxía. Este venres arrancou na nosa cidade unha campaña nacional con alternativas galegas a unha regulación do sector eléctrico no Estado que consiste en que mandan os consellos de administración das eléctricas, inzados de ex ministros de PP e de PSOE.
O arranque da campaña -no tramo peonil da Praza de Lugo, onde o BNG colocou unha mesa para recoller sinaturas contra o tarifazo eléctrico- contou coa presenza da nosa portavoz nacional, Ana Pontón, quen atendeu os medios canda o noso voceiro en María Pita, Francisco Jorquera.
Jorquera botou man dun sketch televisivo para ilustrar o funcionamento do sector eléctrico no Estado e a súa relación co poder executivo. Nese gag, relatou, a vicepresidenta Carmen Calvo comentábelle a Pedro Sánchez que baixar o prezo da electricidade era un obxectivo ben difícil de conseguir en España. Nunca ningún goberno o dera conseguido. “E por que?”, preguntou Sánchez. “Mira, non o sei, pero teño un amigo que estivo no Consello de Administración dunha eléctrica e el hao de saber. Vouno chamar”. Chamouno. Era Felipe González. Mais Felipe González tampouco o sabía. “Tranquila, Carmen, teño un amigo no consello de administración dunha eléctrica e el hao de saber. Vouno chamar”. Chamouno. Era José María Aznar. “Pois non o sei, Felipe, teño un amigo no consello de administración dunha eléctrica e el hao de saber. Vouno chamar”. Chamouno e así até o infinito, “un desfile de ex ministros do PP e do PSOE sen que ningún tivese a resposta de por que non se pode baixar o prezo da electricidade no Estado”.
Ben, pois as portas xiratorias explican “boa parte do problema”. Mais, sketch á marxe, “a cousa non é para facer brincadeiras”. “As eléctricas obteñen beneficios multimillonarios, mais nesta cidade Naturgy fechou o Museo de Arte Contemporáneo ou decide trasladar a Madrid o centro de control da Rede Eléctrica Galega. Somos un grande productor eléctrico, pero hai galegos e galegas que viven a carón dunha torre de alta tensión que en inverno pasan frío por non poderen pagar a factura da luz. Somos un país en que fechan empresas por non poderen asumir os custos enerxéticos”, denunciou Jorquera.
E perante esta situación, que fai o Goberno do Estado? Pois, critica o noso portavoz en María Pita, aprobar un decreto que “agrava aínda máis o problema” ao castigar os sectores máis vulnerábeis, sobre todo o consumidor doméstico e as pemes, de aí que, avanzou Jorquera, “o BNG vai lanzar unha campaña con iniciativas nos concellos e no Parlamento galego, mais ante todo unha campaña social que procura implicar o conxunto da sociedade para sermos capaces de frear este tarifazo”
En definitiva, remarcou Ana Pontón, o BNG sae ás rúas para procurar sinaturas contra o tarifazo e a prol de alternativas galegas ao problema da enerxía porque “non podemos ficar de brazos cruzados perante decisións que van asfixiar as familias e a moitas empresas do país e que só benefician o lobby eléctrico”.
“Vivimos nun contexto de invasión eólica onde vai gañar o lobby eléctrico e vai perder Galiza. E as galegas e os galegos non contamos con ningunha medida compensatoria. Temos todo o dereito, pola nosa condición de grandes produtores, a tarifas máis baixas e a que acabe o espolio enerxético deste país. Basta de tarifazos e basta de portas xiratorias. Cómpre que nos dotemos dunha tarifa galega e dunha compañía pública galega de enerxía”, concluíu.