• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Os grupos municipais de Marea Atlántica, do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo Calvo, ao abeiro do Regulamento Organico Municipal, presentan a seguinte MOCIÓN, a iniciativa de Defensa do Común, e unha serie de organizacións, sobre a recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público da Coruña.

 

PONTO DE SAIDA: Ás 12:00 dende a Praza de María Pita ata a Casa Cornide.

Exposición de motivos

A familia do ditador Franco pon, novamente, á venda a Casa Cornide como se fose da súa propiedade. Non podemos calar e esta corporación, co apoio social das organizacións que presentan esta moción, quere facer chegar a esa familia que a súa actitude ten un rexeitamento social unánime.

Non é a primeira vez que esta corporación deixa claro o seu posicionamento. Así, o Pleno de 11 de setembro de 2017 xa aprobaba declarar “persoas non gratas” á familia Franco e que a Casa Cornide sexa devolta á cidade.

O Pleno de 12 de setembro de 2019, aprobaba por unanimidade una moción para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña. A I Marcha  Cívica, convocada o 27 de outubro de 2018 por Defensa do Común e a Asociación Veciñal da Cidade Vella, reclamaba a devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña.

A Deputación da Coruña e o Parlamento Galego aprobaron iniciativas por unanimidade para que a familia Franco devolva o espoliado ou roubado. Así, o Parlamento  Galego instaba ao Goberno do Estado o 11 de xullo de 2018 para que inicie as acciones legais para a recuperación do pazo de Meirás para o patrimonio público e que esta “non implique un novo custo para o pobo galego”. Unha sentenza de 2 de setembro de 2020 ordenaba a súa devolución ao patrimonio público, sen ningún tipo de compensación á familia do ditador Franco.

O Pleno municipal de 12 de setembro de 2019 aprobaba por unanimidade unha moción para que o concello tome medidas xurídicas para promover que a Casa Cornide pase a mans públicas.

O 7 de novembro de 2020, a iniciativa de Defensa do Común, 24 organizacións convocaban a II Marcha Cívica baixo o lema: POLA DEVOLUCIÓN DA CASA CORNIDE AO POBO DA CORUÑA. FRANQUISMO NUNCA MÁIS. E o Pleno de 1 de outubro de 2020 aprobaba unha moción apoiando esa Marcha.

Foto da man de https://www.economiadigital.es/

A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Camen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.

A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.

Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de  xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Barrié gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois vendeu a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.

O pazo de Meirás e a Casa Cornide son dúas caras dun mesmo espolio. Como dicía esa moción aprobada o 1 de outubro de 2020: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nestes dous espolios -Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano- aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”.

Manuel Rivas lía o manifesto ao final desa II Marcha Cívica e lembraba que este espolio se realizou “aproveitando o réxime de tiranía que se impuxo, despois dun golpe e unha guerra, durante décadas, por medio dunha represión criminal e mafiosa”. E remataba Manuel Rivas: ”Estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica e as que sexan necesarias até poñer fin ao espolio”.

A Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados aprobaba o 11 de marzo de 2021, cos votos a favor de PSOE, PP, Galicia en Común e BNG, “instar ao Goberno a apoiar as iniciativas tomadas polo concello da Coruña con obxecto de recuperar a Casa Cornide para o patrimonio público”.

Por outra parte, a Xunta de Galicia iniciaba o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar BIC a Casa Cornide.

Recollendo este sentimento unánime, manifestado en numerosas mocións aprobadas pola corporación municipal e por diversas institucións, os grupos municipais de Marea Atlántica, Bloque Nacionalista Galego, e a Concelleira non adscrita, Isabel Faraldo Calvo, presentan a consideración do Pleno os seguintes

Foto da man de:

https://www.vanitatis.elconfidencial.com/

 

ACORDOS

  1. Expresar a vontade corporativa de que, ao igual que no proceso do Pazo de Meirás se conxunten as actuacións e iniciativas administrativas e xudiciais coa mobilización cidadá aos efectos de acadar o obxectivo da reversión e reincorporación da Casa Cornide ao patrimonio público municipal.
  2. Instar ao goberno municipal a que, concluído o proceso de elaboración da argumentación xurídica e histórica, presente antes de que acabe 2022 a correspondente demanda xudicial para anular o título de propiedade de dito inmoble e para a súa incorporación ao patrimonio público municipal da Coruña, sen prexuízo de calquera outra acción para revisar, anular e deixar sen efecto os actos e acordos municipais de enaxenación de dito ben.
  3. Instar á Xunta de Galicia para que, antes de que acabe 2022, conclúa o expediente de declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC).
  4. Considerar non grata a presenza da familia Franco na Coruña polo seu empeño en continuar  co espolio e manter a propiedade da Casa Cornide.
  5. Pedir á Comisión Municipal de Memoria Democrática que traslade ao Pleno para a súa aprobación a retirada de rúas, retratos, placas, monólitos e todo tipo de distincións ás persoas que impulsaron, organizaron ou participaron no espolio do pazo de Meirás e da Casa Cornide para beneficio de Franco e da súa familia.

6, Apoiar a III Marcha Cívica convocada polas organizacións citadas para o sábado, 5 de novembro de 2022, coa seguinte mensaxe: QUE DEVOLVAN TODO O ROUBADO. DESPOIS DO PAZO DE MEIRÁS, RECUPERACIÓN PARA O POBO DA CASA CORNIDE. E facilitar a infraestrutura necesaria. Ao mesmo tempo, o Goberno municipal difundirá o apoio a esta Marcha nos medios municipais.

  1. Dar traslado dos presentes acordos á Administración Xeral do Estado e Xunta de Galicia, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia e das Cortes do Estado.
  2. Facultar á Alcaldía-Presidencia á execución destes acordos.

A Coruña, 5 de outubro de 2022

María García Gómez

Portavoz do GM da Marea Atlántica

 

Francisco Xesús Jorquera Caselas

Portavoz do GM do BNG

 

Isabel Faraldo Calvo

Concelleira non adscrita

Organizacións que promoven esta moción

Foto cabeceira da man de https://es.m.wikipedia.org/