Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

VERBAS DE ANA PONTÓN:

“Non saímos a xogar medio partido”, recalca, “o noso reto é facer historia e que por primeira vez unha muller e unha nacionalista presida Galiza”

Acto multitudinario de lanzamento da candidata nacionalista: “temos organización, proxecto solvente e sabemos gobernar”

Nun acto multitudinario que convocou en Santiago a militantes e simpatizantes, a portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a súa candidatura ás eleccións galegas co reto de “facer historia” e ser o referente da maioría social que quere un cambio real e lograr unha Presidencia da Xunta liderada por primeira vez por unha muller e por unha nacionalista.

Un nutrido grupo de asistentes tivo que quedar na rúa nun auditorio desbordado, o que fixo necesario que a candidata, micro en man e subida a unha caixa, lle dirixise unhas palabras que foron recibidas ao grito de “presidenta, presidenta”.

“Que ninguén o dubide, imos facer historia, imos deixar atrás esta década gris e abrir un tempo novo da man do BNG”, arrancou Pontón a súa intervención,  na que agredeceu o entusiasmo e o apoio da militancia. “É unha honra e unha enorme responsabilidade coa cidadanía que quere un cambio de rumbo, un compromiso coas persoas que están a mirar cara nós, coas que nos votaron e coas que nos ven como a mellor opción para o cambio real”.

elecións20202“Quero dirixirme a esa maioría social para dicirlle que vou ser a súa candidata, a candidata desa maioría que ama este país, que sabe que o desenvolvemento económico e social non pasa por máis submisión a Madrid, senón por máis Galiza. Quero ser a candidata da Galiza dinámica e traballadora, que sabe que o futuro pode ser mellor se confiamos en nós mesmas e non nos resignamos á lenta decadencia á que nos condenan as políticas centralistas. A esa maioría quero dicirlle que ten sólidos motivos para confiar e ilusionarse co BNG”, apelou Pontón.

Con ese obxectivo de liderar o cambio real á década de Feixóo, a candidata á Presidencia deixa claro que o Bloque vai a por todas, porque o país precisa moito máis que un mero cambio de caras para seguir coa mesma política de submisión centralista baixo un verniz “progre”.

“Son consciente de que o reto que temos entre mans é lograr unha auténtica revolución: conseguir que Galiza teña, por primeira vez na súa historia, unha muller e unha nacionalista na Presidencia. Por que non? Acaso vaille ben a Galiza con tantos presidentes de forzas subordinadas a Madrid? Non, non nos vai ben. Iríalle mellor a Galiza cunha presidenta nacionalista, si ou non?”, interpelou a un auditorio que respondeu á pregunta cunha ovación, e a que seguiu unha contundente declaración de intencións.

“Non saímos a xogar medio partido, saímos a gañar o primeiro e o segundo tempo, con ilusión, con decisión e sen poñernos límites, porque os galegas e as galegas nin esperan nin merecen menos do BNG”.

Derrotar ao PP nas urnas non chega, insistiu, aí que ir máis aló porque as vindeiras eleccións non poden limitarse a ser “unha alternancia” do bipartidismo español, pois as forzas estatais coinciden na súa discriminación co país.

elecións20203

Ni pitufo gruñón, nin selfies na Moncloa

“Este país non necesita nin un presidente na trincheira da falsa confrontación, -en relación a un Feixóo en modo pitufo gruñón, ironizou-, que usa Galiza para facer méritos ante os seu xefe de Madrid, nin un presidente que se fai selfies co inquilino da Moncloa mentres xustifica a discriminación cos mesmos argumentos de sempre. Galiza está farta deste bucle no que PP e PSOE intercambian papeis para manter o agravio. É hora de dar un xiro de guión, é hora de que Galiza teña unha presidenta nacionalista sen mais obediencia que aos galegos e ás galegas”, salientou a líder do Bloque.

Por iso, a cita coas urnas é a oportunidade de abrir un tempo novo que deixe atrás esa dinámica e puxo como como contrapunto a capacidade do Bloque para facer valer os intereses do país, como ven de demostrar no acordo de investidura.

elecións20204

Rachar coa submisión

“As vindeiras eleccións van de construír país, van de  programas, de propostas, de solucións para o noso futuro colectivo, de rachar coa submisión, de que Galiza se faga valer e avance cara un futuro mellor. Van de dignidade”, proclamou. E para iso está o BNG, unha forza cohesionada e solvente, cun proxecto de país, con ideas e con capacidade de gobernar”.

“Sabemos de onde vimos e sabemos cara onde queremos ir, os galegos e galegas poden confiar no Bloque porque temos un proxecto de país solvente, autocentrado e inclusivo, e capacidade para levalo adiante. Sabemos gobernar”, insistiu, destacando o papel dos gobernos municipais.

Por iso, a alternativa para abrir un tempo novo para poñer Galiza en marcha é o BNG.

“Se tomamos as rendas do noso destino,  vexo un país onde se acabe co o espolio enerxético, que blinde os servizos públicos, que derruba o muro do centralismo, que aposta pola ciencia e a investigación,  os estaleiros coas gradas cheas, montes produtivos e rías saneadas. Vexo a unha mocidade con esperanza, que sabe vai ter salarios dignos e oportunidades aquí, un país mulleres libres, empoderadas, un país que defende a súa lingua, a súa cultura con orgullo”, concluíu.