Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

 

 

 

 

 

O BNG logra o mellor resultado nunhas eleccións europeas en vinte anos recuperando o escano propio que tivo en 1999-2004.
EUROPEAS 2024

Pontón e Miranda: “Temos escano galego, obxectivo cumprido”

“O BNG marcouse como obxectivo, ter un escano galego, obxectivo cumprido”. Así sintetizaba a portavoz nacional, Ana Pontón, o resultado electoral dos comicios europeos, valoración que ratificou a electa eurodeputada, Ana Miranda: “Somos o BNG e temos un escano galego en Europa”, proclamou.

A formación nacionalista logra o mellor resultado nesta cita electoral desde 2004, tras obter o apoio de case 180.000 galegos e galegas que confiaron no BNG, “os verdadeiros protagonistas deste logro”, subliñou Pontón, que agradeceu ese apoio en nome de toda a organización anunciando o compromiso de traballar sen escatimar esforzos.

“Imos estar á altura desa confianza, denunciar os problemas dos e das galegas, deste País en Bruxelas, dando solucións e tamén imos traballar para construír outra Europa posible, a das nacións, a dos pobos, a da xustiza social e a da paz. Iso é o que fará a nosa compañeira Ana Miranda desde o primeiro día”, destacou.

Pontón recalcou que os resultados do 9X confirman que o BNG “é unha forza política en ascenso, que elección tras elección subimos en apoio social e electoral, somos un BNG á alza que non ten teito, imparable e imos seguir traballando para ser a esperanza de todos os galegos e das galegas”, salientou a portavoz nacional.

Un resultado ao que Pontón atribuíu un mérito especial porque se logra “nunha campaña que se intentou que fose unha campaña a dous, centralista e bipartidista, deseñada desde Madrid, pero aínda así o BNG segue subindo e demostra que o nacionalismo vai seguir sendo un actor fundamental dentro da política estatal, un elemento esencial, porque hai unha plurinacionalidade que se manifesta en cada proceso electoral e vai seguir xogando a favor de avanzar en dereitos e liberdades”.

Pontón rematou agradecendo o esforzo da militancia, “a mellor do mundo e a que fai grande ao BNG”, recalcou, ademais de agradecer unha vez máis o apoio recibido nas urnas “desde a humildade de seguir aprendendo dos galegos e das galegas, que son a nosa única lealdade, traballar por e para Galiza, esa é a nosa razón de ser”.

Finalmente, fixo un recoñecemento expreso á candidata “polo rigor e a seriedade, polo gran esforzo e polo gran traballo feito a favor de Galiza e a favor de todas as causas xustas a longo destes anos”.

Miranda arrancou a súa comparecencia cun explícito “fálalles a eurodeputada da voz galega en Europa”, que recibiu un sentido aplauso da militancia presenta na Nave de Vidán, desde onde a formación nacionalista seguiu o escrutinio. A eurodeputada electa fixo unha emocionada lembranza dos seus pais, “que hoxe estarían moi orgullosos”, ademais de saudar a súa filla presente na comparecencia, ao seu equipo, así como á militancia e á organización, incluída unha referencia expresa á implicación na campaña da portavoz nacional, “é por suposto, a todos os galegos e as galegas que acreditan que somos a voz galega en Europa e das causas xustas”.

“Seremos a voz forte de Galiza e de todas as causas xustas da humanidade e sempre leais ao pobo galego”, recalcou Miranda, quen tamén quixo lembrar ao primeiro eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira. “Somos a mellor ferramenta para defender ao pobo galego aquí, en Madrid e en Europa. Somos o BNG e temos escano galego en Europa”, concluíu.

CENTO OITENTA MIL GRAZAS. 🥰
Ana Miranda é a eurodeputada de Galiza e das causas xustas. 💪✊