41769850_1823532914435047_7715087240279359488_n

Amalia Diaz Rodriguez: Poemas.

Publicado el 20 enero, 2019 | Literatura, Prensa

Medo…
Na túa ollada
Azul xeo
Do mar no espello.

Loita…
Envite certeiro
Na pel dos penedos;
Pétreo sentimento!!

Alleos…
Bogan Os Aguillóns;
Barlovento, sotavento,
Ao ritmo do mar inquedo.

Sentimento…
Invicto o salgado elemento,
Olla para Bares,
Das ondas preto;
Namorado en segredo.

Beleza….
A das margaridas
Ao carón do vaivén
Que mece Os Aguillóns
No seu sono eterno.
Amali@DR.

50506395_2005683346220002_1893217598347149312_n

Efímero…
Só un eslabón
Na cadea do tempo…

Sospiro…
Ou berro seco.
A bolboreta liba
No azucre do vento;
Ou era unha flor
Coa brisa dentro?

Efímero…
Non máis un intre
Na cadea do tempo.
A bolboreta,
Esvaída estela
Que procura o momento.

Sospiro…
O teu alento
Misturado co vento.

Amali@DR.

50802587_2004063449715325_3614288926035935232_n

Eu son filla do mar
E do alento do vento…
Son lixo no infindo,
Camiño dun tempo
En ausenza de tempo.
E lévame e tráeme
Ese sentimento
De ser: río, fonte
Prado, mar, ceo…
Libre, sen cadeas,
Que prendan o meu contento
Por ser parte con parte
No infindo,
Camiño dun tempo
En ausenza do mesmo.

Amali@DR

50512696_2001161586672178_7119499624217313280_n

Soia…
A ollada perdida no alén;
Supervivente da invernada
Roseira de morriña ateigada,
Dos días de quentura mol
Que son alento e compaña…

Soia…
Na tarde que morre
Ao compás da luz que se apaga.
Desfollando sentires,
A roseira chora…
Chora bágoas de choiva maina,
E alenta con sospiros
De soidades varias.

Soia…
A ollada perdida no alén
Roseira encarnada
Da miña esperanza;
Desfollando sentires
Ao compás da luz que se apaga.

Amali@DR.

49938873_1999647586823578_5949298568530493440_n

Érgome ben contenta
Porque o día meréceo…
Agasalláronme
E fixeron pleno,
Con estes azuis
Que pintan o ceo.
E voume planta_los allos,
E voume xunguir ao rego;
Que de Xaneiro
Cada día que pasa:
Mérmalle un dente ao alleiro.
Eu son poeta d’aldea
Que vive os ciclos do tempo
Coa intensidade do sentimento.
E lembro con agarimo
Os ditos dos meus antergos.
Eu son poeta que lle canta
Ao que palpexa ao carón
Do meu roteiro…
E voume planta_los allos;
E voume xunguir ao rego
Que o día está fermoso…
Ai azuis do meu contento!!

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *