• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Ágata Lys que marchas aos ceos
NUN RECANTO do gran moble do salón aparecen amoreadas as revistas da década, centos de Interviu, Hermano Lobo, Por favor e El Papus, as páxinas de cor satinada que a min se me aparecen como a cartilla das primeiras lecturas, a imaxinería rechamante que conformou a miña ollada de nena, as revistas prohibidas, as revistas para adultos que eu furtaba de noite, que lía á luz dun foco de pila de petaca. Ese mundo que se despregaba, esa neurastenia satírica na que aparecían mulleres en todas as portadas. Mulleres con cara sorprendida, con xesto forzado, con falsa inxenuidade, con medo lexítimo, con lascivia xenuína, esas mulleres que conformaron o meu imaxinario de nena, aferradas a un pano brevísimo que ocultaba apenas as mamilas, o vello púbico, esas mulleres de melenas onduladas, e senos enormes e pel vernizada de aceite, mulleres azoutadas, mulleres con colares de cadela, mulleres mexadas por ríos de purpurina. Esas imaxes que tanto detestei, que me fixeron odiar o meu corpo de nena, o meu corpo que ía medrando, que ía tendo senos grandes e vello púbico para poder ensaiar posturas salaces diante dunha imaxinaria nube de fotógrafos saídos. Demasiado sexo, demasiadas mulleres expostas, á intemperie, demasiados chistes fáciles de homes calvos e gordos, Alfredo Landa, Fernando Esteso chiscando o ollo, tocándose a entreperna… unha enxurrada de noxo, ganas de vomitar ante todas esas imaxes de chirlas babuxantes e linguas lambedoras. Recollo dun zarpazo os testemuños gráficos desa época, ese centos, miles de xoguetes rotos que exhibían, sen ningún pudor, o mandato dun sexo banal, dun sexo sucio, dun sexo que convertera a pulsión animal, o mandato biolóxico, nun espectáculo circense. Coa morea no centro da cheminea comezo, por fin, a prender lume, fago arder a memoria. Vexo como crepitan as páxinas marelas do consultorio de Susana Estrada, aqueles pregos de papel que eu rasgaba con coidado e nos que devoraba latinismos e metáforas: cunnilingus, felación, bico grego, chuvia dourada… A miña formación na ximnástica dos corpos, nas posibilidades combinatorias que facían nacer un desexo transido de vergonza, entreverado de noxo.
Ardede, ardede!, digo ao ver as pernas de Barbara Rey , os peitos de Rosa Valenty, as nádegas de Ágata Lys, os ollos de gata de Nadiuska devorados por lapas moi azuis. As musas do meus pesadelos.
D´O estado intermedio (Galaxia 2020)
Rexina Rodríguez Vega, nada en Vigo o 18 de novembro de 1966, é unha escritora e investigadora da literatura galega.
FONTE Galipedia, a Wikipedia en galego.

Traxectoria

Doutora en Filoloxía Románica (tese: Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro), profesora e investigadora no ámbito da literatura galega, é especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, autor sobre o que ten publicados varios estudos. Exerceu tamén a crítica literaria en publicacións como Praza.gal[1]A Nosa TerraGrial ou o Anuario de Estudos Literarios Galegos. No campo da lexicografía formou parte do equipo de redacción dos dicionarios bilingües español-francés da editorial Larousse e do Dicionario Vox galego-castelán.[2]

Durante os anos noventa exerceu a docencia na área de filoloxía galego-portuguesa na Universidade Autónoma de Barcelona. Pasou despois a ser profesora do departamento de Lingua española na Universidade de Vigo,[3] tendo sido anteriormente profesora de Lingua e literatura galega no Instituto San Tomé da mesma cidade e do Departamento de Lingua Galega no IES Plurilingüe Terra de Turonio en Gondomar.

Obra

Narrativa

Ensaio

Edicións

Obras colectivas

  • Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas. Actas do Congreso Internacional “Álvaro Cunqueiro a Catalunya” (2003). Edicións do Castro).
  • Álvaro Cunqueiro: fotobiografía sonora (2009). Ouvirmos. Con César Morán.
  • VI Encontro de Escritores Galegos. Literatura e proxección exterior (2012Deputación da Coruña.
  • Abadessa, oí dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza (2017). Através Editora.

Premios

  • Premio Ricardo Carvalho Calero de investigación, por Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación.
  • Premio Xerais no 2007, por Cardume.
  • Premio Stendhal, e finalista do Premio Nacional de Tradución, pola obra de Georges Perec El secuestro.
  • Cunqueiriana de Honra de 2021.[12]

Notas

  1.  “O xornal da Galicia que vén”Praza Pública. Consultado o 2019-11-12.
  2.  “autor/a A. Editorial Xerais”www.xerais.gal. Consultado o 2019-11-12.
  3.  “Rexina Vega”www.aelg.gal. Consultado o 2019-11-12.
  4.  “Ficha do libro. Editorial Xerais”www.xerais.gal. Consultado o 2019-11-12.
  5.  Bragado, Manuel. “”Cardume” de Rexina Vega – Brétemas”. Consultado o 2019-11-12.
  6.  “Ficha do libro. Editorial Xerais”www.xerais.gal. Consultado o 2019-11-12.
  7.  “Rexina Vega: «Dark Butterfly parte dunha experiencia persoal que necesitaba contar». Entrevista en Radiofusión. Blog Xerais”blog.xerais.gal. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2020. Consultado o 2019-11-12.
  8.  “Edicións Laiovento – Rexina Vega”www.laiovento.com. Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2019. Consultado o 2019-11-12.
  9.  Monteagudo Alonso, Antía (Xullo, agosto, setembro 2020). “Ollos abertos e amargas chagas perdidas”. Grial. LVIII (227): 72–73. ISSN 0017-4181.
  10.  ““A figura paterna márcanos tanto como a materna, detesto esa hiperinflación da maternidade como valor absoluto””Praza Pública. 2021-02-05. Consultado o 2021-02-08.
  11.  Darriba, Luz (2021-04-20). “A morte do pai”Praza Pública. Consultado o 2021-04-22.
  12.  Galicia, Redacción (2021-01-31). “Rexina Vega é distinguida como Cunqueiriana de Honra de 2021”21 Noticias. Consultado o 2021-01-31.
Rexina Vega (AELG)-3.jpg
Nacemento 18 de novembro de 1966
Lugar de nacemento Vigo
Nacionalidade España
Ocupación escritora
Xéneros Narrativa e ensaio
Estudos Filoloxía Románica