Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Días de palabras e sanshi

No solpor do verán un vai facendo memoria dos momentos vividos ao longo da época estival. E case que sempre xorde en nós unha lamentación por non ter realizado todos os nosos propósitos. Mais, eu prefiro escoller os instantes que realmente enriquecen o meu espírito e me fan desexar que ditos instantes se repitan novamente.

Estes días do verán de 2013 viñeron cargados de amizade e palabras, ou, máis ben, de amizade a través das palabras. A palabra ben construída, sen eivas que deformen ou prostitúan a súa substancia. A palabra sen espiñas que manquen o espírito de quen as pronuncia nin de quen as escoita. A palabra transparente, do corpo espido que non se deixa cubrir polas perversas roupaxes da mentira e a hipocrisía. A palabra en si. Cando menos, esa foi a miña intención no transcorrer deste pretérito estío, fuxindo do lamazal no que puidesen luxarse os sintagmas do meu discurso. E coido que o conseguín.

A palabra ceibe que procura o achegamento a outras verbas nacidas en remotas terras ou a aquelas que, sendo da mesma esencia idiomática ca miña, se manteñen pese a esa longa noite de pedra que se quere deitar sobre nós, os que pensamos libremente e de xeito distinto á putrefacta ideoloxía do poder establecido. Esa palabra, que tanto eu amo, levoume a afondar nos vencellos de amizade con seres vidos do afastado Oriente, os cales me ofreceron o influxo do seu acougo, ou de terras máis aló do Atlántico, que, aínda que afincados dende hai anos no territorio que nos comprende, conservan o frescor natural do seu sorriso.

Emocionoume manter un diálogo na miña lingua nai, o galego, cunha persoa que veu dende o Xapón. E dito proceso emocional provoca en min un exercicio de exaltación do natural recendo que mana desta terra. Un aroma que nos contaxia aos que o respiramos e nos fai sentir que somos herdeiros dunha cultura que debemos preservar contra a ditadura dos necios.

Daquela, ao ritmo das notas interpretadas sobre o corpo dun sanshi, eu reivindico a lingua universal das emocións non prostituídas.

———————————————————————————————————————–

Pan e circo!

Pasan os días e a dor mantense latexante no fol do aire coma un berro que permanece á espreita para escachar a parede do silencio. A dor polos que morreron de xeito tráxico, cuxa morte asemade provoca unha inmensa dor no corazón dos seus seres queridos; a dor dos que loitan contra as fouces insaciables da morte para seguir percorrendo o camiño existencial. Mais, tamén, latexa outra clase de dor suscitando nos que a sofren a xenreira que produce o desacougo, a incomprensión ante os súbitos acontecementos. Dor ante a insidia, ante a verdade a medias, é dicir, a mentira que nos queren inocular dende os poderes establecidos e os que lles fan cego proselitismo.

O pasado 24 de xullo nas proximidades de Santiago de Compostela o tren da vida brincou do seu traxecto deixando lastradas ou momentaneamente en suspenso as esperanzas e os soños de moitos seres humanos. Haberá que buscar polas canles legalmente pertinentes aos responsables de tal traxedia ferroviaria, e dígoo en plural, porque eu non creo que o causante de tan funesto accidente sexa unha soa persa. E non pretendo eximir de culpa ao maquinista, cadaquén debe saber asumir as consecuencias dos seus actos, por moi tremendos que sexan.

Aínda así, que non nos veñan a contar que todo se arranxa coa simple e taxativa eliminación do mensaxeiro. Este país apesta. O país do caso Bárcenas, do caso Gürtel, o do Urdangarín e a princesa triste, o do rei cazador con patrimonio sospeitoso, o dos Eres fraudulentos, o do caso Campeón, ou do caso Baltar, e non vou seguir porque a lista, ademais de interminable, resulta noxenta. O mesmo país no que só van ter acceso a dereitos fundamentais (saúde, educación, xustiza, etc.) os que máis capital posúan, aínda que sexa adquirido ilicitamente.

Este país no que as forzas e corpos de seguridade no canto de protexernos e defendernos, como acto primordial, dedícanse, oportunamente amestrados, a estar ao servizo dos nos desgobernan e dar paus aos que nos manifestamos para reivindicar os dereitos que como cidadáns nos pertencen. O mesmo país no algúns medios de comunicación (algúns públicos) en lugar de informar se dedican a perverter a verdade a favor de intereses espurios, que nos pretenden vender unha realidade na que prevaleza a imaxe salvadora do capital, esquecendo calquera principio desinteresado e que non estea rexido por aquel poderoso cabaleiro sobre o que poetizaba Quevedo. Este país que ousa satanizar a outros réximes políticos (populistas ou non): Venezuela, Ecuador, Bolivia, Rusia, Irán… coma se aquí puidésemos sentir fachenda polo sistema democrático que nos pintan Rajoy, adoutrinado por Rouco Varela, e os acérrimos seguidores do neofranquismo que se vai instalando na sociedade española.

Ao tempo que aplaudimos as actitudes prepotentes e antidemocráticas de gobernos coma o de EEUU, que, a xeito de escusa para preservar a súa gloriosa seguridade nacional, se dedica a espiar e a controlar aos cidadáns do resto do mundo, ao estilo do anel único de Tolkien: un para dominalos a todos.

Este fedorento país no que só facemos simulacro de amañar as cousas des que suceden as desgrazas, e con vítimas polo medio. Pero, claro, ese arranxo simulado sempre vai realizar a costa dos de sempre (o pobo) e sen que ningún dos que ostentan o poder teña a decencia de asumir responsabilidades. País de merda!

Falei en todo momento deste país incluíndonos a todos, dado que somos nós, o pobo, os que posuímos, coa capacidade de decisión e mobilización, o mecanismo que permita a mudanza das cousas que están mal. Mais, visto o visto, se cadra habería que cambiar a democracia polo fútbol, como forma de goberno, porque, de seguro, así convocaba maior número de cidadáns a manifestarse e a reclamar os seus dereitos fundamentais. Entrementres, panem et circenses!

———————————————————————————————————————–

As estacións da vida

Cubertos coas toallas que alguén descoñecido lles entregara para aguantar o frío da noite que se achegaba pola raia do horizonte. Os dous abrazados tentando calmar aquela dor que quería brincar os valados do seu abatido espírito. Coas cabezas abaixadas, ollando nos ronseis do chan un sinal, algo que explicase o porqué da desgraza que lles viña de acaecer. Mais non acharon respostas. E seguían desesperados buscando e non encontrando. De cando en vez, izaban a cabeza e fitaban para aquel espectáculo da desfeita en que se convertera o tren da vida, que se detivera de súpeto, co brutal impacto do inesperado, e fora deixando lastrados sobre a vía do tempo cadaleitos de emocións antes traumatizadas.

E por que a eles, pensaron apertando con maior intensidade os seus corpos entre si. Por que racharan de sotaque as follas do seu camiño de retorno. Por que aquel día, véspera de festa nacional. E non deron entendido nada, nin sequera porque non eran eles os que estaban alfombrando os raís da existencia cos seus corpos ensanguentados.

Nun último suspiro miráronse e arreo as bágoas comezaron a manar dos seus ollos nunha mestura desbordante de tristeza polos xa ausentes e ledicia por sentirse aínda vivos.

Namentres, noutros puntos da xeografía galega moreas de persoas inundaban rúas, hospitais, tanatorios co gallo de entregar anacos ilimitados do seu altruísmo a favor daqueles que pelexaban por seguir circulando no tren da vida ou para consolar aos que perderan ramallos da súa árbore existencial aquel solpor tráxico de xullo.

———————————————————————————————————————–

O tren da vida

A vida vai marchando por esa vía da memoria que todos percorremos montados no tren das emocións. As cales saben a suor, a bágoas, a medo, a derrota, demasiadas veces. E outras, menos das que quixeramos, exhalan o recendo da alegría, o da palabra espida de aldraxes, o da natural esencia vestida coas roupaxes do amor e a poesía. A vida que debuxa as súas formas, en ocasións deformes, na inmensidade relativa da Chaira: onde eu vou escribindo versos, chanzos na pel mancada pola erosión dos días consumidos. A vida furando paredes verticais de rocha abrupta co gallo de abrir fendas no illamento, na soidade que cando enraíza na alma nos deixa baleiros. Algo parecido nos conta, ou, cando menos, así o percibo eu, Rafael Cid, director de Radiotelevisión Española en Galicia, no seu documentalCARRILANOS. Os túneles dun tempo, que o pasado venres, 19 de xullo, se proxectou en Vilalba. Durante a súa visualización podemos apreciar as circunstancias históricas, políticas, económicas e, sobre todo, persoais que conformaron a creación dunha vía férrea que conectaba as localidades de Puebla de Sanabria con Ourense. As existencias que foron quedando lastradas ao longo de tan dificultoso trazado son historias de ilusións esvaecidas nunha loita para acadar o progreso, para afastarse do manto da miseria que sepulta as ansias de ser. E nesa loita por unha existencia máis favorable tamén se foron creando relacións persoais, de maior ou menor intensidade, como os chamados romances da vía. Agora, en tempos do AVE e dos avances tecnolóxicos, se cadra sería positivo reflexionar en como noutrora a vida non se vivía á velocidade de vertixe coa que gastamos os segundos no presente. Nin tampouco se instalaba este estado de conformismo que afoga na actualidade as nosas vontades, renunciando case taxativamente ao dereito de réplica. A vida na súa perspectiva diacrónica amósanos como, dependendo do tren que nos leve, podemos percibir con distinta nitidez esas emocións reflectidas no espello dos desexos.
———————————————————————————————————————–

Loitemos pola dignidade

Cando un cidadán, coma min, dun país desta Vella Europa, se mergulla no tumultuoso océano da actualidade, a través da propia contemplación da mesma ou absorbéndoa de calquera medio de comunicación (prensa, radio, televisión, internet), decátase de que lamentablemente estamos a padecer algo máis fondo e contundente que unha crise económica (maquinada con aleivosos pretextos dende as sombras do poder), e falo dunha ferinte e aldraxante crise de valores humanos. Descubrimos, de xeito cortante e impío, que a nosa dignidade, a que nos pertence por sermos seres humanos ten un prezo, demasiado barato, por outra parte. Un prezo que estableceron dende os órganos de poder aqueles que foron elixidos por nós mesmos para que nos representasen e, no canto, condénannos a sentirnos miserables e a converternos en individuos indignos. Mais, os integrantes das institucións que nos desgobernan son coniventes de algo que se atopa por riba deles, e que tamén os ten sometidos: a autocracia do capitalismo.

O sistema capitalista, tal e como o viñamos interpretando, está morto, ou, cando menos, hai que erradicalo para que el non se anticipe e non consiga matarnos a nós. É moi triste pensalo, e máis triste e noxento dicilo, pero todo se resume nunha sinxela e cruel frase: tanto temos, tanto valemos; e, ás veces, nin iso. Hoxe en día afixémonos a ter que sufragar ata o aspecto máis insignificante da nosa existencia, incluso aquel fundamental e inherente á nosa condición: conseguir ser (e perdón pola redundancia) un ser humano. Xa pretenden ata quitarnos iso, coma se non tivésemos dereito a elo polo simple feito de ser o que somos. As políticas antisociais que se preconizan dende algúns estamentos totalmente insensibles resultan humillantes e rebaixan a nosa categoría natural ata o abismo da mesquiña abxección. Como se pode avogar por un sistema no que o individuo só teña dereito á educación, á sanidade, á xustiza… a manter a súa propia dignidade se paga un prezo, por suposto excesiva e maquiavelicamente elevado, para elo? Como se pretende facer un alegato da igualdade dende o núcleo conceptual da mesma desigualdade? Acaso, alguén por ser fillo de certa persoa debe posuír máis dereitos que outro que non procede do mesmo proxenitor? E admisible que unha persoa cunha conta corrente desorbitada (se cadra, conseguida de modo ilícito), e insultante aos ollos da maioría da sociedade, dispoña de privilexios en distintos eidos, mentres que o que non amosou tal conta corrente (nin lle deixan) debe vivir nun continuo estado de aldraxe social? Non, berro eu, a todo non!

Debemos, e xa, facer unha recuperación da nosa dignidade, non permitir que nola sigan pisando ou manchando coas infamias que cospen aqueles necesitados da desgraza allea para satisfacer o seu propio ego. E, sen ánimo combativo, solicitemos o reintegro dos valores usurpados e que nos deixaron camiñando nus por esta corredoira da vida chea de feras doentes.

———————————————————————————————————————–

Mudanza existencial

E pasou o 21 de decembro do 2012… E non se acabou o mundo. Aínda que ao paso que imos, de seguro, que o día menos pensado acontece.

A liberdade da que dispuña o individuo, non sempre respectada, para interpretar a chamada profecía dos maias, levounos a observar situacións realmente esperpénticas. Dende a frenética construcións de búnkers (negocio para uns, arroutadas paranoicas para outros); pasando polo turismo deica a algúns lugares que, supostamente, eran os únicos que se consideraban seguros fronte ao cataclismo que se achegaba (Sirince en Turquía, Bugarach en Francia); ou, indo máis lonxe, xa no terreo da ilegalidade, o que aconteceu en China onde unha seita ofrecía a salvación a cambio de que os crédulos entregasen todas as súas posesións. E moitos máis casos, algúns irrisorios, ou cando menos, cargados dun patetismo que deixa en evidencia a inestabilidade emocional do ser humano.

Pero, a pesar destas escenas de medo e paranoia, o mundo non rematou. Nin tampouco os maias profetizaron tan nefanda idea. Talvez na súa interpretación de medida do tempo se percibe a pasaxe a unha nova era, unha mudanza de ciclo, do mesmo xeito que no noso calendario rematan os meses, os anos, os séculos e comezan outros, respectivamente.

Se cadra, aproveitando a continxencia desta interpretación da cultura maia, deberíamos acougar por un momento, e reflexionar por que motivo temos que buscar sempre un culpable alleo ao males que nos acaecen, cando en realidade o mal está dentro de nós mesmos. Posiblemente, o planeta Terra non se extingue por causa dun meteorito que colida con nosoutros, nin por culpa dunha tormenta solar de proporcións desmesuradas. Nada diso! O colapso deste planeta estamos a propicialo nós, coa nosa soberbia, co noso afán destrutor, coa nosa fame indómita de dominio. O home é un lobo para o home. Un animal salvaxe mata por instinto de alimentarse e de supervivencia. Namentres, o home mata por vesania homicida, como versificaba Celso Emilio Ferreiro naquela fábula do home e do lobo.

Así que non sexamos hipócritas. Non vexamos o mal fóra da nosa esencia humana, porque é inherente a ela. Pero dispoñemos da posibilidade e da liberdade de elixir. O resultado será consecuencia da nosa propia elección. E, polo que se está a comprobar, non eliximos de xeito correcto. Abonda con analizar de modo global como estamos liquidando o planeta: consumo excesivo de recursos, extinción provocada de especies, guerras interesadas sen importar os danos colaterais, réximes ditatoriais disfrazados co felo da democracia, un sistema, o capitalista, condenado pola avaricia do ser humano (dalgúns que só aspiran a vivir na insultante opulencia en detrimento da maioría que se ve castigada pola actitude soberbia daqueles e ten que loitar para subsistir), unha crise absoluta nos conceptos, que son prostituídos en nome dunha falsa liberdade. E podería seguir argumentando máis exemplos do mal causado polo ser humano para si e para o contorno no que vive. Mais nada diso queremos velo. Énos mellor alegar causas externas ou anacrónicas para explicar a nosa condenación como raza en perigo de extinción.

No remate deste 2012, cadaquén que pense o que queira, e que actúe en consecuencia, para iso dispón de liberdade. Eu, pola miña conta, tentarei facer as cousas de modo que non causen mal nin a xente que me rodea nin a este mundo no que vivo. Porque, ao final, ese beneficio tamén redundará en min mesmo. E non se trata dun exercicio de fachenda, nin de presunción. Aspiro a ter a miña conciencia tranquila e a non seguir experimentando noxo cada día por formar parte dunha raza capaz de aniquilar a bondade no cerne do individuo, só polo mórbido pracer de sentirse superior a todo o demais.

Despois disto, réstame desexarvos FELIZ 2013!

MARTIÑO MASEDA

VILALBA (LUGO)

GALIZA.

https://www.facebook.com/martino.maseda?lst=1253241583%3A100000131601928%3A1481626531