Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

 

 

O festival celebrarase en Vilaxoán do 10 ao 13 de setembro

Entre as novidades desta edición está o escenario Ondas e Partículas e concertos únicos en Gallicia como os de Bob Vylan ou La Gossa Sorda

A profunda vinculación co territorio, o compromiso de non perder a súa esencia e a calidade da proposta artística do Revenidas son os tres aspectos que máis se subliñaron na presentación oficial do festival, que tivo lugar este mediodía en Vilaxoán, nun acto no que estiveron presentes os organizadores, entidades públicas (Concello, Deputación de Pontevedra e Xacobeo 2027), patrocinadores privados (Vibra Mahou) e un representante do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, responsable dunha das novidades desta edición, o escenario Ondas e Partículas.
O organizador e director do festival, Xoán Quintáns, aproveitou un símil futbolístico para sinalar que «a pesar das carísimas fichaxes que están a facer outros festivais e tendo en conta o límite salarial que ten o noso, o Revenidas segue en pé e con vontade de continuar xogando nesta liga». Quintáns subliñou ademais o feito de facelo «sen apartarnos da nosa liña». En canto ás novidades desta edición, o responsable do festival destacou a incorporación do escenario científico e a mellora da profesionalidade en todos os aspectos que incumben a organización dun festival. Dende o punto de vista artístico, Xoán Quintáns sostén que o cartel deste ano mantén a liña do de edicións anteriores, con unha destacada presenza de artistas galegos, e con concertos únicos en Galicia, como o do aclamado músico londinense Bob Vylan ou o penúltimo concerto antes da súa anunciada disolución dos valenciáns La Gossa Sorda.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, incidiu tamén no símil futbolístico e comparou ao Revenidas co Athletic de Bilbao. «Non todos os equipos teñen que ser o Madrid ou o Barcelona. Tamén hai equipos diferenciais que son canteira e identidade do seu territorio. E iso é tamén o Revenidas. O noso Athletic de Bilbao da música», comentou. Varela, que engadiu que o festival de Vilaxoán é o máis diferente de cantos se celebran en Galicia, sinalou que o Revenidas supón o peche perfecto para o verán en Vilagarcía.

O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos, Fondos Europeos da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, destacou o feito de que nesta edición o Revenidas engada unha vertente divulgativa á súa consolidada proposta musical. Para o deputado pontevedrés, o festival de Vilaxoán, que forma parte do circuíto Rías Baixas Fest, ademais dun importante dinamizador cultural é tamén un destacado dinamizador económico que ten repercusión na comarca e na provincia. «De aí o firme compromiso da Deputación de axudar a este tipo de iniciativas».

Para o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez, representa á perfección o espírito do que quere ser o Xacobeo. «Un festival que foi capaz de consolidarse sen renunciar á súa identidade e a súa orixe. Un festival diverso, que representa ao seu territorio e aberto a todos os públicos, como queremos que sexa o Xacobeo», comentou. Gómez tamén subliñou o papel de dinamizador económico que desenvolve o festival de Vilaxoán así como a proxección que supón de cara ao exterior. «Dous valores nos que de novo concorda co espírito do Xacobeo», dixo.

ONDAS E PARTÍCULAS

Unha das novidades desta edición é o escenario de divulgación científica Ondas e Partículas, que o Revenidas incorpora en colaboración co CERN e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). O responsable de comunicación de IGFAE e coordinador do CERN, Manuel Rey, destacou o feito de que sexa o Revenidas que acolla por primeira vez en Galicia esta iniciativa de itinerancia internacional. Rey adiantou que Ondas e Partículas contará cunha carpa propia no recinto do festival no que durante os catro días se desenvolverán talleres e charlas sobre cuestións físicas, outras nas que a ciencia se relaciona coa música e sobre temas de divulgación como o mar de ardora, a eclipse ou as mareas vermellas. A programación completa das actividades e os horarios do escenario Ondas e Partículas darase a coñecer nos vindeiros días.

O responsable de marketing local e clientes de Mahou Galicia, Hugo Pérez, puxo en valor a transcendencia do Revenidas asegurando que «para Vibra Mahou é un dos festivais máis importantes de cantos se celebran en Galicia» e agradeceu que un dos escenarios do festival leve precisamente ese nome.

A presentación contou cunha actuación en directo de The Rapants, un dos grupos que este ano tamén participarán no festival. A banda de Muros quixo agradecer ao Revenidas «o feito de que confiaran en nós cando case ninguén o facía». «Nin a nosa propia familia», bromearon.

CONCERTOS A BORDO

Como xa é tradicional, o Revenidas contará cunha serie de concertos que se realizarán o sábado e domingo navegando pola ría de Arousa a bordo do barco Chasula, cun aforo máximo de 12 persoas e con degustación de viño e pratos mariñeiros.

O sábado 12 haberá concertos de Dakidarría (con saída do porto de Vilaxoán ás 13 h), Kapital Voskov (15 h) e The Rapants (17 h). Os concertos a bordo do domingo 13 correrán por conta de De Vacas (13 h), Tapa D’Orella (15 h) e Mondra (17 h).

As entradas para estes concertos estarán á venda na web revenidas.com a partir das 12.00 horas do domingo 6.

Na mesma web xa están dispoñibles os abonos así como as entradas por días e as prazas para a acampada.

Revenidas conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.

Revenidas conta tamén co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que impulsa experiencias cinco estrelas ao redor do directo.

O CARTEL

O Revenidas 2026 arrincará o xoves 10 coas presenzas de Narco, Sara Hebe, De Ninghures, Sons of Aguirre & Scila, Nadie González, Süne, El Pony Pisador, Yaya Dj e A Duendeneta.

O venres 11 será a quenda de Evaristo, Bob Vylan, Dakidarría, Ilan Amores, La Sra.Tomasa, Matah, Terrae, The Salsa Punk Orkestra, Arrhythmia e A Duendeneta.

A terceira xornada do festival, a do sábado 12 reunirá a La Gossa Sorda, El Drogas, Fillas De Cassandra, The Rapanst, Taqbir, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Malifeta, 9Louro, Awakate, Maloa Brothers, Queen Rendi, Tapa D’Orella e A Duendeneta.

O Revenidas pecharase o domingo 13 coa tradicional sardiñada popular ao mediodía, a Gala de Circo Solidaria e as actuacións de Mekanika Rolling Band, As do Xeito, De Vacas e Lisdexia