• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


A pé de rúa.

11 anos vendendo poemas. Media de 30 por día. Uns 1.000 ao mes. Máis a cantidade de poemas extra que vendo en datas coma San Xoán, Halloween, Nadal, Entroido… Uns 12.000 ao ano. + de 125.000 en todo iste tempo.

Os meus haikus foron pendurados nas árbores dunha biblioteca, os meus poemas colados nas paredes enriba das camas e das portas das neveiras dunha infinidade de persoas. Gardados en caixas, en caixóns, en botes de cristal, en lapiceiros, entre as páxinas de libros, cadernos e diarios. Compartidos decenas e decenas e decenas de veces nas redes sociais.

Tamén usaronse coma escritas de cancións, guión dunha peza de cabaret, declaracións de amore e de odio, pra votos de voda e coma adeus a un matrimonio. Mesmo bautizaron a un neno cun dos nomes que usaba coma pseudónimo por un dos meus poemas.

Vendín os meus poemas en A Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense, Pontevedra, Lugo e Vigo. En Ovieú, Santander, Bilbo, Zaragoza, Pamplona, Barcelona, Mallorca, Granada, Sevilla, Málaga, Cádiz…E tamén no Porto, Espinho, Aveiro, Lisboa e Sines.

E teño constancia de que chegaron a todos os países de Europa e Norteamérica, a gran maioría dos de Centroamérica e de Sudamérica, alghúns de África, de Asia e uns poucos de Oceanía.

Cambiei os meus poemas por outros poemas, relatos, libros, debuxos, retratos, fotos, cadros, proxectos, colaboracións, billetes para cinema, concertos, teatro, espectáculos de maxia, de danza, performances, visitas a museos, recitais. Tamén por cafés, comida, aloxamento, viaxes. Por sorrisos, por bicos, por conversacións, por citas.

Saín en blogs, páxinas de internet, xornais, revistas, radio, reportaxes, traballos pra clase, documentais.

Recitei os meus poemas só e en compaña, con Esbardalle, Vladivostok, Tacatá, con amigos, colegas, coñecidos, xente que pasaba.

Na rúa, en bares, cafaterías, bibliotecas, centros cívicos, museos, okupas, na radio, en podcasts e en Youtube. Por toda Coruña, Galiza e España.

Fixen rir, chorar, pensar. Coñecín a xente, fixen amizades e tamén parellas, todo partindo da miña poesía.

Teño a liberdade de non ter máis horario e obxectivos que os que eu me marco. De ir eiquí e alá, de que traballar sexa pasear polas rúas e falar coa xente. E agora dime ti:

– E que oficio é ser poeta? Onde di eiquí: Búscase poeta, boa remuneración! Ah?

 

A pé de rúa.

Podería deixar isto. É certo que ás veces, cada vez máis, sintome canso e creo que non podo máis. As vendas non sempre van ben e non sempre teño ganas e estou animado.

É difícil atopar un alugueiro sen nóminas, avais, seguros de falla de pagamento nen axudas familiares. É difícil que che acepten en calquera sitio coa túa cadela, sen apenas experiencia laboral, sen estudos e dicindo que es poeta e que vives da túa poesía.

Despois vexo a algunhas persoas machucándose en traballos precarios con 40, 50, 60…e digo…si isa é a alternativa…todos os meus respectos pra iles, todos temos as nosas necesidades e obrigacións, mais non grazas. Si a alternativa é retomar os estudos pra conseguir traballos igualmente precarios mais “mellor ollados”, tamén digo, non grazas

Non sei moi ben onde diríxome. Camiño sobor unha delgada corda e alén parece non haber nada. O día istá claro e o ceo despexado. De súpeto cambia. E só vexo néboa, e as costas só incógnitas.

Mais sego faciana adiante. Un paso, outro paso. Onde levarame iste camiño? A verdade é que non teño nen a menor idea.

https://www.facebook.com/poesiaapiedekalle

(Tradución ceive ao galego por Rubém Novo).

A PÉ DE RÚA (dous) por Abel García Pantín.