Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

MANUEL MONGE – MESTRE E SOCIÓLOGO, FOI CONCELLEIRO DO BNG NA CORUÑA (2003-2007), EXPRESIDENTE DA COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DA CORUÑA

VERBAS DE MANUEL MONGE:

Bo día:

Hoxe é 20 de novembro, hai 42 anos que morreu Franco.
En 2015 o catedrático de historia Julián Casanova coordinaba un libro que se titulaba “40 años con Franco”. Pasaron dous anos e xa levamos 42 anos con Franco.
Non imos celebrar nada, mais é bo lembrar que tivemos 40 anos de ditadura criminal e que, con 40 anos de democracia de baixa calidade, seguimos con moitos restos do franquismo.
Algunha xente anda escandalizada estes días porque se fala da posíbel intervención do Exército na política e, concretamente, en Cataluña.

Falar hoxe da intervención das Forzas Armadas en momentos moi importantes da vida política de España non é unha opinión, senón unha evidencia. Podemos esquecer que unha parte do Exército se sublevou contra a Constitución, a democracia e contra o goberno lexítimo da República en 1936? Podemos esquecer que os militares sublevados xulgaron por rebelión os que mantiveron a súa fidelidade á Constitución e que, aplicando a lei dos fascistas, fusilaron os seu propios compañeiros de armas? Podemos esquecer que ese Exército foi o garante da permanencia dunha ditadura criminal durante corenta anos? Podemos esquecer que controlaron a transición á democracia para que todo quedase atado e ben atado? Podemos esquecer a súa oposición á legalización do Partido Comunista? Podemos esquecer o seu papel determinante na redacción do artigo 2º da Constitución? Podemos esquecer que o 18 de febreiro de 2014 houbo un xantar de militares nun acuartelamento, convocados polo tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero Díez (despois ascendeu a coronel), fillo do que entrou no Congreso o 23 de febreiro de 1981, para celebrar o aniversario dese intento de golpe de Estado?. Podemos esquecer as numerosas declaracións particulares ou de grupos de militares que se manifestaron publicamente contra a democracia e Constitución? E non pasa nada.

 

E despois desta longa introdución, vou á actualidade. Resulta que Marta Rovira, secretaria xeral de ERC, denunciaba en declaracións a RAC1 o pasado 17 de novembro, que “fontes solventes e contrastadas” do goberno de Rajoy fixeron chegar a Puigdemont e Junqueras a posibilidade dun “escenario de violencia extrema con mortos na rúa”. Esas advertencias falaban de que “habería sangue” e que “non serían pelotas de goma como o 1-O”, senón “moi contundente”. Estes supostos episodios de violencia non estarían protagonizados pola Policía Nacional ou a Garda Civil, senón polo Exército. Rajoy, Sánchez e Rivera responderon inmediatamente a Rovira: “burda mentira”.

A XORNALISTA PILAR URBANO XA TEN EXPLICADO O PAPEL DECISIVO DO EXÉRCITO PARA FORZAR A DIMISIÓN DO PRESIDENTE ADOLFO SUÁREZ (…) CANDO SUÁREZ PIDE ALGUNHA RAZÓN PARA DIMITIR, O TENENTE XERAL PEDRO MERRY GORDON SACA DO BOLSILLO UNHA PISTOLA STAR 9 MM E DI AO PRESIDENTE: “¿LE PARECE BIEN A USTED ÉSTA?”

A verdade é que o presidente Puigdemont xa fixo referencia a este suposto nunha rolda de prensa pouco despois da súa chegada a Bruxelas, explicando as razóns da súa saída de Cataluña: “Se quedásemos, con certa resistencia, produciríase unha reacción de enorme violencia por parte do Goberno”. E concluía Puigdemont: “Non quero expoñer á poboación de Cataluña a outra xornada de enorme violencia por parte do Goberno”, como a do día do referendo do 1-O.

 

A xornalista Pilar Urbano xa ten explicado o papel decisivo do Exército para forzar a dimisión do presidente Suárez. O rei Juan Carlos convocaba unha reunión na Zarzuela con tenentes xerais o 23 de xaneiro de 1981, e Milans del Bosch, capitán xeral da rexión militar de Valencia, di a Adolfo Suárez que debía deixar a presidencia do goberno; cando Suárez pide algunha razón para dimitir, o tenente xeral Pedro Merry Gordon saca do bolsillo unha pistola Star 9 mm e di ao presidente: “¿Le parece bien a usted ésta?”   

 

O rei Juan Carlos foi o inspirador do intento de golpe de Estado do 23-F, coordinado cunha parte significativa do Exército, baixo o mando de Alfonso Armada e Milans del Bosch. Milans confirmaba a implicación do monarca: “El Rey quiso dar un golpe de timón institucional, enderezar el proceso que se le escapaba de las manos y, en esta ocasión, con el peligro que se cernía sobre su Corona y con el temor de que todo saltara por los aires, me autorizó a actuar de acuerdo con las instrucciones que recibira de Armada”.

 

Podemos esquecer que significados militares golpistas, auténticos criminais, foron distinguidos e conservan até hoxe títulos nobiliarios?: Marqués de Dávila, Ducado de Mola, Marquesado de Queipo de Llano, Marqués de San Leonardo de Yagüe, Marqués de Varela de San Fernando; Marqués de Somosierra (concedido ao xeneral Francisco García-Escámez e Iniesta); Marqués de Kindelán, Marqués de Saliquet…

 

Podemos esquecer as ameazas, ou como se queira chamar, de Jose Mena Aguado, tenente xeral do Exército de Terra, no seu discurso en Sevilla na Pascua Militar de 2006? Apostaba este militar pola actuación do Exército se o Estatuto de Cataluña sobrepasaba o que el chamaba os “límites”, en aplicación do artigo oitavo da Constitución. Consideraba que a presentación do Estatuto de Autonomía de Cataluña puña en perigo a unidade de España. Isto era o que manifestaba diante do rei Juan Carlos e das máis altas representacións do Estado: “Es nuestra obligación alertar de las graves consecuencias que tanto para las Fuerzas Armadas como institución como para las personas que las integran podría conllevar la aprobación del Estatuto de Cataluña en los términos que está planteado, en tres aspectos verdaderamente preocupantes para nosotros. El primero es el concepto de nación [o preámbulo do Estatut facía referencia a Cataluña como nación]. El segundo es el de la lengua (que en una autonomía sea exigible el conocimiento de su lengua particular es una aspiración desmesurada). El tercero está relacionado con la justicia; las Fuerzas Armadas están desplegadas en todo el territorio nacional y la actual independencia de los Tribunales de Justicia de las Autonomías crea graves problemas en las Fuerzas Armadas al producir sentencias dispares por hechos similares”. Poucos días despois cinco xenerais e 55 altos mandos das Forzas Armadas na reserva facían público o manifesto “En apoyo del general Mena” no que sinalaban: “Las palabras que pronunció publicamente son un reflejo de la opinión de muchos de los mandos y subordinados de las unidades a sus órdenes”.

 

Mena foi cesado a proposta de José Bono, ministro de Defensa. O PP non condenou a intervención deste militar, saíu na súa defensa e Gabriel Elorriaga, secretario de Comunicación do partido, manifestaba que as palabras do xeneral eran “el reflejo de la situación que estamos viviendo” e que dentro das negociacións do Estatuto, era “inevitable que se produzcan pronunciamientos de todo tipo”.

 

María Dolores de Cospedal, ministra de Defensa,  lembraba o 5 de outubro de 2017, pouco despois do referendo do 1-O, que a misión do exército é “garantizar la soberanía e independencia de España, defender su integridad territorial y el ordenamiento constitucional”. Non é isto unha nova ameaza?

http://www.sermosgaliza.gal