Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

 

risco216 ISABEL RISCO.
VISITA O SEU FACEBOOK
Foto Isabel Risco por Cris Andina.
Foto de Isabel Risco.

Isabel Risco

María Miramontes: A tecedora da patria. María de los Dolores Miramontes Matos naceu en Guísamo, Bergondo, o 6 de abril de 1895. Súa nai e seu pai, que traballaban no campo, marchan vivir a Coruña a comezos do XX, e María en 1906, con tan só 11 anos, comeza a traballar nun obradoiro de costura, onde se forma como modista. Naquela altura e, durante os anos 1886, 1901 e 1903, teñen lugar na Coruña as grandes folgas de consumos protagonizadas por mulleres, unha cidade na que ademais comeza a xermolar o pensamento nacionalista e galeguista en lugares xa míticos como a Cova Céltiga. María, unha moza esperta, intelixente e aberta edúcase neste ambiente, compartindoo con mulleres como Elvira Bao ou Amparo López Jean, e comeza a militar axiña, no 1918 e con tan só 23 anos, na Irmandade da Fala da Coruña, entidade que chegará a ter máis de 200 socias, e acabará formando parte da súa Xunta Directiva. É, nestes ambientes nacionalistas e progresistas, onde coñece ao home co que compartirá a súa vida, pensamento, ilusión, esperanza, amor e militancia, mais tamén sufrimento e morte, Anxel Casal, que fora alcalde de Compostela e asesinado polos fascistas, e de quen Castelao dixera: ‘Casal, por Galiza, fixo máis que todos nos’. A proclamación da República no estado fai vivir dias de ilusión e de esperanza na Coruña, mais por motivos políticos, estar máis cerca do Seminario de Estudos Galegos, xa que a editorial Nós, da que María era unha das súas impulsoras, publicaba as obras desta institución, e económicos mudanse a Compostela tamén co impulso da idea de que esta cidade se convertiria na capital de Galiza. No mes de decembro de 1931 nace o Partido Galeguista e María, xunto con outras mulleres traballan arreo para convencer ao pobo galego, e moi especialmente ás mulleres, da necesidade de que Galiza ten que dotarse dunha forza política propia, asinando un chamamento público para que tomen conciencia dos valores galegos. Mentres todo isto acontece María traballa incansábelmente como modista para a ‘boa sociedade’ compostelá, que aínda que non a aceptan polas súas ideas, a súa capacidade creativa e o seu virtuosismo coa agulla e a tesoira fai superar esa barreira. Participa activamente na campaña de apoio ao Estatuto que se aprobará plebiscitariamente o 26 de xuño de 1936. Tralo brutal asasinato do seu home, nunha gabia en Cacheiras na noite do 18 ao 19 de agosto de 1936, chea de dor marcha ao exilio á Arxentina. Morrerá na capital porteña o 17 de setembro de 1964. Rompamos o seu esquecemento e o de tantas outras! Un día, unha muller!

María Casares: Residente Privilexiada. Un símbolo do teatro europeo do século XX. ‘Non escoitan máis que aqueles que queren verdadeiramente comprometerse’. María Victoria Casares Pérez naceu o 21 de novembro de 1922 na Coruña, unha cidade chea de vida e movemento cultural naquela altura. Filla de Santiago Casares Quiroga, con forte implicación política e institucional, fora lider e fundador da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), e quen, despois de xestionar varios ministerios no goberno da II República española, tivo que asumir a presidencia do goberno do estado entre maio e xullo do 1936, marchou a Francia, con tan só 14 anos, fuxindo da barbarie golpista do 1936, instalándose en Paris xunto a súa nai, Gloria Pérez, sen coñecer máis que unhas poucas palabras en francés. De aí a pouco decidiu adaptarse e reinventarse á nova realidade na que lle tocara vivir, de tal xeito que pasou a ser María Casarès, soterrando, durante un tempo, a bagaxe cultural e vital que poideran constituir un atranco neste proceso. Despois da aprendizaxe do novo idioma mergullouse con intensidade no teatro, comezando os estudos de arte dramático no Conservatorio de Paris, deixando abraidos aos seus mestres coas súas interpretacións, marcadas por un sotaque galego que non foron quen de arrincarlle. Finalmente no ano 1942 debuta no Teatro Mathurins como primeira actriz obtendo unhas críticas excelentes e deixando engaiolado ao mesmísimo Albert Camus. Comeza así a triunfar no teatro francés durante a década dos corenta, anos difíciles na capital francesa, ocupada pola escuridade nazi e na que nai e filla atoparonse con dificultades para sobrevivir. No 1944 inicia unha relación con Albert Camus converténdose tamén na protagonista de moitas das suas pezas teatrais e na musa do existencialismo francés. Ademais de Camus, María Casares enchía os escenarios parisienses interpretando textos de Chéjov, Dostoievski, Synge, Ibsen, Sartre, ou clásicos como Shakespeare ou Eurípides. No 1949 entra na Comédie Française e cinco anos máis tarde no Teatro Popular, compañía pública cunha forte preocupación social, unha aventura colectiva e ilusionante que dirixía Jean Vilar. O cinema tamén ofrecía múltiples posibilidades e iniciase nel co clásico de Marcel Carné ‘Les enfants du paradis’. Tamén traballou con directores como Jean Cocteau ou Robert Bresson. María Casares pasa a ser considerada, xunto a Edwige Feuillère e Madeleine Renaud, das tráxicas francesas máis notabeis da súa xeración. A morte tamén foi algo que marcou a súa vida sendo moi nova, primeiro a súa nai, despois seu pai, que chegara enfermo a Francia despois do seu exilio británico e, posteriormente, no 1960, Albert Camus. Participou activamente na creación e potenciamento do Festival de Avignon, de feito unha praza desta cidade leva o seu nome. Despois de xiras por diferentes lugares do mundo, a finais do setenta, decide instalarse na súa espléndida vila de Allou e centrarse nas memorias que publica co título ‘Residente Privilexiada’ nas que debuxa ate o mínimo detalle a infancia nunha Galiza á que nunca voltou. No 1989 recebe o Premio Moliére á mellor actriz de teatro e foi tamén nominada aos Cesar, ademais recibiu do goberno francés a Medalla ao Mérito de Belas Artes e foi condecorada coa Lexión de Honor francesa. Concedéuselle o título de filla predilecta da Coruña, a medalla Castelao e no 1996 acepta que os premios nacionais de teatro galego leven o seu nome mais a morte impedíulle asistir á primeira edición. Hoxe cebrase a XX edición destes premios María Casares e tamén 20 anos do seu falecemento. Un dia, unha muller!

Isabel Risco

Placeres Castellanos: Unha galega na resistencia contra os nazis: a guerrilleira de enlace 35435. Placeres Castellanos Pan naceu en Pontecaldelas o 11 de xaneiro de 1896. A comezos do século XX cando se produciu unha das sangrías migratorias no país, a maioria da xente moza da súa vila marchaba a Portugal ou ao Brasil, a Salvador de Bahía en concreto. Sendo nena chegou a Pontecaldelas un mestre novo, Victor Fraiz, que ademais era político e sindicalista. Con tan só 15 anos, no 1911, casa con el que tiña 24. Despois de ter duas fillas e cinco fillos marchan a Vigo xa que Victor é destinado a un colexio da rúa Tomás Alonso. A partir de 1924 preocupada pola infancia participa da Xunta de Proteción de Menores. Posteriormente tanto Placeres coma o seu home intensifican a súa militancia política. En 1934 durante o coñecido como bienio negro do estado español Placeres é detida acusada de posesión de armas, feito este que nunca foi demostrado. O dia anterior ao golpe de estado fascista Placeres ten que desprazarse a Madrid para participar como representante de Vigo no Socorro Vermello Internacional. Na estación coincide cun dos seus fillos que conseguira unha praza de funcionario alá e voltaba a Galiza. Cando o seu fillo chega a Vigo a veciñanza da cidade partidaria da Fronte Popular comeza varias accións de resistencia contra os sublevados, facendo barricadas e defendéndose con armas rudimentarias, o home de Placeres botáse ao monte fuxindo dos fascistas, mais deteñen ao seu fillo como refén, que acaban asasinando, e un ano despois ao seu home e a outros dous dos seus fillos. Lonxe de Galiza e impotente ante aquela masacre adícase ás tarefas de coidado e solidariedade coas crianzas feridas. En Valencia exerce como secretaria de Solidariedade Antifeixista Galega. Finalmente marcha fuxindo ao sur de Francia, onde entra en contacto coa Resistencia francesa, e pasou a ser guerrilleira de enlace da III Brigada de Guerrilleiros. Combateu intensamente o fascismo por ideoloxía e compromiso político mais tamén con convencemento e coa esperanza de que Franco caese con Hitler e Mussolini. O tempo e os acontecementos acabaron coa esperanza e a ilusión de poder regresar a Galiza. O seu activismo feminista levouna a representar a Marsella, onde traballaba como xornalista, no Congreso Internacional de Mulleres que se celebrou en París en 1945. No seu traballo como xornalista na maior parte dos seus artigos expresa o sufrimento e a traxedia galega causada polos fascistas. Ela dixo: ‘A nosa Galiza non morre mentres haxa corazóns galegos’. Un dia, unha muller!

Celia Rivas: Un faro de Fisterra, a primeira camioneira de Galiza. Celia Rivas Casais naceu alá polo ano 1932 en Fisterra, e desde alí, desde a fin do mundo, percorreu kilómetros e kilómetros no seu camión. Celia era a filla máis cativa de Joaquin Rivas, que emigrara a América, e a volta montou unha empresa que se adicaba ao trasporte de peixe fresco. Este home era un empresario de ideas progresistas. Xa desde moi nova Celia tiña fama de ser a mellor compradora da lonxa Fisterra. No 1932, con tan só 20 anos, seu pai propúxolle conducir un camión importado de EUA, Celia aceptou e marchou á Coruña sacar o carné, algo totalmente inédito naquela altura, de feito ate non habia moitos homes que dispuxeran do carné de conducir; converténdose así na primeira muller conductora de camións de todo o estado. Á morte do seu pai Celia, xunto coas súas irmás, fíxose cargo da empresa familiar ‘Hijos de Joaquín Rivas’, o nome masculino é un feito ben gráfico que demostra e amosa a invisibilización das mulleres e do liderazgo feminino que a empresa tiña. A súa familia, ‘As Labancas’, representa ás mulleres traballadoras que souberon sair adiante nun mundo de homes e nunha época especialmente difícil polas condicións económicas e pola situación que orixinaba a guerra. Celia, e a súa empresa, conseguiron dar traballo a outras persoas de Fisterra. Durante os anos da guerra as tropas franquistas chegaron a requisar o seu camión, e obrigaronas a facer servizos para os militares levando correo a Grao e incluso transportando ás tropas franquistas e as súas familias cara Oviedo; en todas estas viaxes a única persoa que conducía o camión e o autobús, que mercaron posteriormente, era Celia á que sempre acompañaba unha das súas irmás. A partir dos anos 40 a empresa foi medrando coa posta en funcionamento dun aserradoiro e coa adquisición de varios barcos pesqueiros, vendendo as capturas incluso fora. Era innegábel que Celia estaba dotada dun sensible instinto para os negocios o que fixo dela unha muller emprendedora durante toda a súa vida. Co seu esforzo e capacidade a empresa converteuse nun auténtico emporio empresarial, chegando a ter fábricas de salazón de sardiña e abadexo prensado e tamén conservas de sardiña e secadoiros de congro e polbo, chegando a empregar a 250 persoas. Morreu moi nova, no 1974, con tan só 61 anos e sen parar na súa actividade, deixando unha forte pegada na súa vila e na súa comarca e tamén no eido empresarial do peixe. Un día, unha muller!

María Mariño: Poeta, ‘A Dinamiteira da Fala’. Aínda que naceu en Noia o 8 de xuño do 1907, pasará case toda a súa vida no Courel. María Mariño Carou era filla de sastra, Filomena Carou, e de zapateiro, Xosé María Mariño. A súa infancia e mocidade en Noia están marcadas polas dificultades económicas da familia, así que, e despois duns poucos anos de escola, tense que poñer a traballar como costureira. Accede a lectura ao trasladarse, toda a familia, a Escarabote, Boiro, onde a súa tia traballa como cociñeira no Pazo de Goian que dispoñía dunha biblioteca excepcional. Logo, no 1936, en plena guerra, marcha vivir cunha irmá a Euskadi. Volta a Boiro e o 31 de marzo de 1939 casa co mestre Roberto Posse Carballido e despois de vivir un tempo en Euskadi, ter un fillo que morre antes de cumplir os 2 anos, regresan a Galiza en 1946. Trala morte da súa nai e sen ter superada a do seu único fillo sofre unha depresión nerviosa e por motivos de traballo e prescripción médica intalánse primeiro en Romeor do Courel e logo en Parada. No Courel coñece a Uxio Novoneyra e a súa familia, e inicián unha intensa amizade, el será o responsábel da publicación do seu primeiro libro ‘Palabra no Tempo’, no 1963 na colección ‘Tesoros Cumes’ da editorial Celta. No seu prólogo Ramón Otero Pedrayo saúda á “revelación dunha intimidade impresionante do ego da escritora cas cousas, dun desvelamento e senso tráxico do ser do tempo na serra”. Grazas a amizade con Novoneyra entra en contacto con outros poetas como Manuel María. O illamento e a marxinalidade nas que se desenvolvían o labor literario das mulleres, sumado a que María apenas tiña relación co mundo literario, condicionou a recepción da súa obra chegando a suscitar dúbidas sobre a súa autoria e incluso sobre a súa existencia. A escrita de María Mariño caracterízase por desenvolver unha poética radicalmente intimista, situándose á marxe do estabelecido naquela época, a súa é, polo tano, unha creación singular que non obedece a normas, rachando a lingua para así poder amosar o seu raro e valiosísimo mundo interior e a súa relación co exterior, marcada pola súa vida no Courel. Todo isto, a desconfianza ao respecto do proceso de escrita da súa obra, certo misterio que envolve a súa vida, a enfermidade nerviosa que padecía, convértena nunha figura ben singular da literatura galega. Mais, se cadra, todos estes factores e a súa capacidade natural son os que lle confiren orixinalidade á súa obra. Houbo que agardar 27 anos para ver publicado o seu segundo libro, ‘Verba que comeza’. Sen deixar de visitar Noia, e incluso facer algunha visita estival á Coruña, María Mariño ficará no Courel ate o 19 de maio do 1967 cando morre dun colapso cardiaco. Repousa no cimeterio de Romeor do Courel. Un día, unha muller!

María Araújo Martínez: Duas patrias, Galiza e Cuba, e unha loita, María A Guerrileira. Esta brava muller naceu en Carril, Vilagarcía, o 28 de outubro de 1904. Filla de Ángel Araújo, mariñeiro, e Emilia Martínez. Con dous anos emigran á Habana e alí estabelecense no bairro de Casa Blanca no que vivian máis mariñeiros galegos e as súas familias. En 1920 casa con Sebastian Carcaño mariñeiro de Mugardos e activo sindicalista. No 1932 decide voltar a Galiza cos seus dous fillos e de alí a pouco regresa tamén o seu home. Coa chegada da II República no estado español ábrese un tempo de esperanza, mentres, en Cuba, vivíase baixo a tirania de Gerardo Machadato. Asentaronse en Vigo, e Sebastián enrolouse nun pesqueiro mentres María comezou a traballar nunha fábrica de conservas de bocarte propiedade dun empresario grego. Tiña gran experiencia na loita sindical e social xa que en Cuba militara no Partido Socialista Popular, así que foi elixida polas súas compañeiras delegada sindical, chegando a dirixir o sindicato que representaba a vintecinco mil traballadoras da conserva. Nesa altura viaxou a Paris para asistir ao congreso antifascista e loitou pola igualdade do salario feminino enfrontándose aos armadores de Vigo. Co golpe de estado fascista Carcaño e ela pasan á cladestinidade. Fuxidos polos montes de Redondela pasan a formar parte da guerrilla. Logo voltan a Vigo onde van atopando diferentes agochos proporcionados polas amizades. Un dia Sebastian é detido e condenado a traballos forzados, logrando fuxir cara Cuba vía Lisboa. María segue agochada, mentres continua colaborando co Grupo Guerrilleiro de Redondela, vendo as veces ás suas crianzas as que coidaban persoas de confianza. Deteñena e acúsana de colaboración co Grupo Guerrilleiro. Grazas as xestións do cónsul cubano é liberada no 1944 e axiña fuxe coas crianzas a Cuba onde continuará a súa loita revolucionaria e defensa dos dereitos das mulleres. Un dia, unha muller!

Maruxa Mallo: A pintora galega máis famosa do século XX. A cuarta filla dos e das catorce que tivo a parella formada por Justo Gómez Mallo, funcionario do Corpo de Aduanas, e por Pilar González Lorenzo, naceu o 5 de xaneiro de 1902 en Viveiro. O seu nome real era Ana María Gómez González. Debido a ocupación do seu pai os traslados eran constantes. Cando se estabeleceron en Avilés en 1913 comeza a súa formación artística na Escola de Artes e Oficios. En 1922 teñen que marchar a Madrid e alí ingresa na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Aquí comeza a relacionarse cos poetas e artistas que irrumpen na escena, moitos deles e delas conformorian a chamada Xeración do 27. Estreita amizade con poetas, cineastas, artistas, como Luis Buñuel, María Zambrano, Miguel Hernández, Ortega y Gasset, Dalí, Concha Méndez, Lorca ou Rafael Alberti, co que manteria unha relación. Xunto con Concha Méndez leva unha vida de muller moderna e emancipada. Nestes anos, Maruxa crea a súa propia linguaxe artística ao empaparse das distintas vangardas que se van desenvolvendo en Europa, o futurismo, o surrealismo, o cinema, mais sen esquecer a arte popular; mestura todo o que recibe coa súa particular interpretación. En 1928 os salóns da Revista de Occidente acolleran a súa primeira exposición cun gran éxito de crítica, xa que o público fica fascinado con aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, a alegría das cores que empregaba, as distorsionadas composicións e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas. A finais do 1928 a súa arte inclínase cara o surrealismo, atraéndolle, segundo as súas propias palabras: ‘os espazos cubertos por cinzas, as superficies inundadas polo limo habitadas por vexetais ásperos, sumidoiros empurrados polos ventos, campanarios atropelados polos vendavais’. Explora estas paixases ate 1931 dando lugar á serie ‘Sumidoiros e campanarios’, que compaxina coa colaboración en escenarios teatrais, coa realización de debuxos para a Revista de Occidente e co deseño de cubertas de libros. No 1931 marcha co seu pai a Paris onde as súas exposicións son recibidas con entusiasmo por artistas como Picasso ou André Bretón. Cando regresa a Madrid a finais do 1932 compaxina a súa actividade artística coa política. Xusto antes do golpe de estado fascista realiza unha obra chave ‘A sorpresa do trigo’. Os tráxicos acontecementos sorpréndenlle de volta en Galiza, onde permanece ate o ano 1937 que marcha a Porto para embarcar cara o exilio na Arxentina. Voltou nos anos sesenta e nos noventa comezou a receber galardóns artísticos. Un dia, unha muller!

Syra Alonso: Das mellores cronistas da represión franquista. Os Diarios de Syra Alonso, un dos máis estarrecedores relatos da represión desatada polos franquista no pais, chegan a Galiza desde México no ano 2000 despois de máis de medio século de exilio. Syra naceu en Coruña no 1899 e emparéllase co artista Francisco Miguel ao redor dos anos 20. Ao pouco comezan unha atarefada vida de viaxes, o primeiro destino é Paris ao que lle seguirá Cuba e posteriormente México, onde a euforia artística é de gran magnitude. Durante todo este tempo Syra ten tres fillos e Francisco Miguel retrataa en milleiros de debuxos e bosquexos. En 1933 deciden regresar a Galiza e a familia embarca no Cristobal Colón. A súa chegada estabelecense en Santa Cruz, Oleiros, no que Syra chamaria ‘a casa da felicidade’. O 3 de agosto de 1936 a Garda Civil prende a Francisco Miguel acusado de actuar contra o réxime militar golpista e despois de ser liberado volveno levar preso para xa non soltalo nunca. Despois das desesperadas xestión de Syra para acadar a liberación do seu compañeiro, esta visitao por derradeira vez o 28 de setembro, esa mesma noite é asesinado despois de dispararlle tres balas, ademais de terlle amputado as máns coas que tanto pintara. O 30 de setembro é enterrado no cimeterio de Bértoa. Syra súmese nunha profunda depresión e co convencemento de que non pode permitir que os seus fillos acaben cantando o ‘cara al sol’ marcha para México, aquel que compartira con Francisco Miguel, despois de bicar o mar da Coruña. Nunca regresou do exilio mais co seu diario, un extraordinario texto literario e memorialístico, de gran intensidade e contado en primeira persoa, deixounos un legado inesquecibel! Un dia, unha muller!

Marcela e Elisa: O primeiro matrimonio entre duas mulleres. Marcela e Elisa coñecense na Escola Normal de A Coruña na década de 1880, onde a primeira estudaba maxisterio e a segunda, que xa rematara os estudos, facía traballos de administración e servizos. Entre elas foise estabelecendo unha íntima amizade que axiña se converteu en amor. Os pais de Marcela intenta afastar a súa filla de Elisa así que deciden mandala a Madrid, mais os seus intentos son inútiles. En 1888 inician a súa andaina como mestras en diversas escolas dos concellos de Coristanco, Vimianzo e Dumbría, intentando sempre que os seus destinos estivesen o máis próximos posibel. Na primavera de 1901 prodúcense diversas disputas entre elas, e así poden xustificar que Elisa abandone Dumbría e anuncie a súa intención de embarcar rumbo á Habana. Asemade Marcela fai saber á veciñanza o seu propósito de casar cun curmán de Elisa chamado Mario que axiña chegaría a Galiza, advertindo que o parecido entre aquela e este é enorme. Así que, e xa en Coruña, Elisa transfórmase en Mario: corta o pelo, viste roupa de home, cultiva un modesto bigote, fuma… Para legalizar esta nova identidade diríxese a igrexa de San Xurxo da Coruña e coméntalle ao cura párroco que sendo fillo de pai protestante quere abrazar a fe católica, así que o cura, preocupado polo aumento do protestantismo, acede gostoso, acelera os trámites e aos poucos dias bautizaa. Axiña prepara todo o papeleo para a voda que se celebra na mesma igrexa o 8 de xuño de 1901. Estabelecense de volta en Dumbria, mais o cura de alí descobre o engano así que marchan de volta para Coruña, xa que ameaza a Elisa, Mario naquela altura, con chamar á Garda Civil, mais o cura que as casara tamén se decata do engano. Así que, abafadas e acurraladas polas autoridades fuxen a Porto onde viviron tranquilas durante un tempo ate que o 16 de agosto as duas mulleres son detidas pola policia a petición da xustiza coruñesa que decreta orde de procura e captura por matrimonio ilegal, mais non se fixeron con elas de contado xa que as autoridades portuguesas neganse a entregalas sen unha petición formal de extradición. Son encarceradas e despois liberadas e, mentres as persoas influintes e a xustiza non cesa nos seus intentos de prendelas, en Porto acaban recibindo o apoio da xente incluso económicamente. Cando están a piques de ser extraditadas fuxen definitivamente, probábelmente a Arxentina, xunto coa filla de ambas. E a partir de aí conseguen por fin ficar no anonimato. Unh dia, unha muller! ou duas!

Rita Amparo López Jean: A primeira muller militante do Partido Galeguista na Coruña. Rita Amparo López Jean naceu en Vilaboa, Culleredo, o 30 de outubro de 1885, súa nai, Adela Jean Toca, era mestra nesta localidade, e seu pai, Sabino López Núñez, foi concelleiro do Concello de Culleredo e posteriormente secretario do Concello de Oza. Na súa casa só se falaba galego, polo que recibían críticas dalgús sectores da poboación. Pouco despois da morte do seu pai, súa nai foi trasladada como mestra a Coruña, e Amparo, despois de estudar no instituto Eusebio da Guarda cursa o bacharelato e os estudos de maxisterio na Escola Normal da Coruña. Ademais estuda canto, piano e pintura e comeza a dar aulas no mesmo centro de ensino que a súa nai. Muller de ideas avanzadas comeza a convivir co seu compañeiro o xornalista, e político republicano Cesar Alvajar Diéguez, varios anos máis novo ca ela. Anos máis tarde de se coñecer, e despois de ter duas fillas e tres fillos, deciden casar. Amparo pertenceu ao Partido Galeguista no que ingresaría o 6 de maio de 1935 colaborando económicamente nas súas campañas e pertencendo ao seu comité local. Tamén pertenceu a Agrupación Repúblicana Feminina da Coruña, da que foi secretaria e presidenta. Os fins desta Agrupación eran contribuir ao triunfo da paz e da fraternidade humana, da xustixa social e da democracia; defender os dereitos femininos e traballar pola consecución dos aínda non recoñecidos; impulsar a cultura, especialmente a feminina; practicar a asistencia social; estabelecer, se se considerase convinte, formas de mutualismo e cooperación, e procurarlles recreo e lecer ás asociadas. Despois do golpe de estado franquista de 1936 conseguen fuxir a Madrid, logo a Valencia, onde casa unha das súas fillas sendo Castelao, gran amigo de Amparo, o padriño da voda, para rematar en Barcelona e de alí ao exilio a Francia. Morre en Montauban no 1942 e no 2006 trasladarán os seus restos ao cimeterio de Santo Amaro da Coruña. Un día, unha muller!

Joaquina García: Deseñadora, inventora e emprendedora. Joaquina García García, que naceu en Porto do Son no 1879, era filla de mariñeiro e a preocupación polas condicións laborais dos mariñeiros da súa vila sempre foi unha constante na súa vida. Ate tal punto que comezou a experimentar con distintas mesturas de tecidos, finalmente, e despois de moita experimentación, logrou o seu obxectivo, converténdose na deseñadora e inventora dos primeiros traxes de augas para mariñeiros. Feito polo que alcanzou un grande éxito de feito chegou un intre no que non era quen de atender todos os pedidos e encargas, así que decidiu montar a súa propia fábrica, destacando tamén por este feito como empresaria e emprededora. Un día unha muller!

Francisca Herrera: A primeira académica electa da RAG. Poeta e narradora Francisca Herrea Garrido naceu en Coruña no 1869 no seo dunha famila da burguesía acomodada, seu pai tiña negocios de importación e exportación, e seu avó materno era un famoso banqueiro coruñés. Sendo a menor de catro irmás aos 12 anos comezan as súas inclinacións literarias despois da lectura de ‘Cantares Gallegos’ de Rosalia de Castro, facéndose determinantes para ela a obra e a figura rosalianas, parece ser que de nova coñecera á poeta e de feito Manuel Murguía prologoulle o seu segundo poemario. Tras a morte da súa nai, no 1909, a quen estaba moi unida, intensificou a súa actividade literaria. Tras a morte do seu mozo, meses antes de casar, decide instalarse coa súa irmá Queta en Madrid. Despois do golpe de estado do 1936 regresan a Galiza fuxindo da tensión, mais ao deixar atrás todas as súas pretenzas comezan unha nova vida no pais marcada pola mudanza do seu modus vivendi e dependendo de Josefa, a empregada que tiveran na casa desde nenas, ela coidaba unha horta e unhas galiñas para garantir a mantenza. Como poeta destacan os seus longos poemas narrativos, que a miúdo contan historias de mulleres aldeás arrequentadas con abundancia de detalles relativos á descrición da paixase e das protagonistas, mais tamén cultivou un rexistro de obras máis breves nas que se pode apreciar a influencia da súa admirada Rosalia así como das cantigas populares. Ademáis da poesía é preciso salientar a súa obra narrativa, máis tendo en conta que ate aquel momento a literatura galega estaba dominada pola lírica e existian poucos referentes nos que se poder guiar non só no estructural se non tamén no lingüístico. Foi, polo tanto, unha escritora prolífica e de algunha maneira unha precursora que no 1945 a Real Academia Galega elixiu como membro numerario, sendo a primeira muller que recebe tal distinción. Un día, unha muller!


Isabel Risco
17 de marzo a las 16:07 ·
A Bela Otero: A Mata Hari galega e icona da Belle Epoque europea. Carolina Otero Iglesias tivo unha infancia dura e difícil. Naceu o 4 de novembro de 1868 en Valga, o mesmo ano no que a revolución chamada ‘A Gloriosa’ estabeleceu no estado español a democracia, o sufraxio universal, os dereitos dos e das traballadoras e deu tamén o nacemento á Primeira República e ao federalismo. Era filla de nai solteira, como outras moitas muleres da súa época, de orixe moi humilde, súa nai tiña como oficio o de piñeira, e case sen posibilidade de acceso a unha educación académica, con tan só 10 anos sufriu unha terribel agresión sexual. Moi nova decidiu fuxir da súa vila natal e mudou o seu nome de pia, Agustina, polo de Carolina. Se Carolina tivera ficado en Galiza seguramente a súa sorte e a súa vida serían pouco diferentes das da súa nai. Mais a Bela Otero, ademais de fermosa, era unha muller moi intelixente o que lle permitiu acadar fama, espertar paixóns, acumular riqueza, aprender cultura e idiomas, cantar, bailar, participar en faladoiros literarios, dilapidar amores e paixóns masculinas. Ao pouco de marchar de Valga comeza a traballar para unha compañía de teatro ambulante portuguesa, ao deixar a compañía vese na obriga de exercer oficios moi humildes para sair adiante. Chega a Barcelona no 1888 onde coñece a un banqueiro que a quere promocionar como bailarina en Francia, mais foi ela mesma a que se dá a valer e viaxa a Paris onde se acaba converténdo na estrela do famoso cabaret Folies Bergère. Comeza a facer xiras por todo o mundo, Nova York, Anxentina, Cuba, Rusia. Foi amante de Guillerme II de Alemaña, Nicolás II de Rusia, Leopoldo II de Bélxica, Alfonso XIII de España ou Eduardo VII de Gran Bretaña. Os seus problemas coa ludopatía fixeron que acabara dilapidando a súa fortuna nos casinos de Montecarlo e Niza. Acabou vivindo en Niza, cidade que tanto amara nos días de gloria, dunha pensión que recibía do Casino de Montecarlo. Morreu na cidade mediterránea o 10 de abril de 1965. Un día, unha muller!

Carmen López-Cortón: Unha constante preocupación pola educación das mulleres. Carmen López-Cortón Viqueira filla do patrocinador dos primeiros Xogos Florais celebrados na Coruña en 1861, naceu o 9 de xullo de 1866 en San Fiz de Vixoi, Bergondo, a escasos dous kilómetros de Betanzos. A casa natal, a Quinta de San Victorio, coñecida pola veciñanza como Pazo Cortón, converteuse no lugar preferido para os fundadores da ‘Institución Libre de Enseñanza’ onde pasaban estadías, de aí a importancia que tivo na Galiza esta institución. Así que Carmen foi medrando neste ambiente. No ano 1892 vai a Inglaterra para completar os seus estudos e coñecementos e así entrar en contacto coa educación británica. Todos estes factores, a instrución recibida, a viaxe formativa a Inglaterra, o ambiente no que se desenvolveu desde nena, inclinarona cara os temas pedagóxicos, educativos e sociais, mostrando especial interese e preocupación pola educación das mulleres. Escribiu varios artigos no ‘Boletín de la Institución Libre de Enseñanza’ nos que expoñía como se produciu o acceso das mulleres á educación superior nalgúns países europeos coa finalidade de dar a coñecer outros modelos alternativos como: ‘La enseñanza superior de la mujer en Rusia según la princesa Kropotkine’ (1899), defensora da idea de que todo aquilo que redundaba no beneficio da educación e progreso das mulleres tamén beneficiaba á sociedade. Era unha muller moi preparada, con importantes coñecementos de idiomas e que estivo vencellada a todas as actividades da ‘Institución Libre de Enseñanza’. Os problemas de saude, que comezaron tras o nacemento da súa primeira filla, supuxeron un contratempo fatal para a súa vida e obra, ao aparecer os primeiros síntomas de trastornos mentais que se acentuaron cando naceu a segunda filla ate o punto de que no 1916 tivo que ser ingresada definitivamente nun centro psiquiátrico. Morreu o 19 de marzo de 1938. Un dia, unha muller!

Sofía Casanova: A primeira correspondente de guerra. Sofia nace en Culleredo o 30 de setembro de 1861, sendo unha cativa o seu pai, un litógrafo de Ourense, abandona á familia deixándoa sen recursos. Sobreviven co apoio económico dos seus avos maternos que vivian en Ferrol. Os seus primeiros poemas foron publicados no Faro de Vigo cando só tiña 15 anos, foi súa nai a responsábel ao atopalos agochados no seu cuarto. A familia tense que trasladar a Madrid onde comeza a estudar poesía e declamación. O seu talento poético proporcionalle un espazo nos círculos literarios máis selectos. Nas tertulias que frecuenta coñece a intelectuais como Emilio Ferrari ou Bernard Shaw, e entre as súas amizades destaca Filomena Dato. Neste ambiente coñece ao profesor, filósofo e diplomático polaco Wicenty Lutoslawski. Casan e instalánse en Drozdowo, provincia rusa oa norte de Polonia, mais non deixa de vir a Galiza todos os veráns. As constantes viaxes e desprazamentos, debido á carreira diplomática do seu home, combinounas co seu traballo como correspondente e co estudo de moitos idiomas, de feito ademais de falar galego e castelán, tamén dominaba o portugués, francés, inglés, italiano, polaco e ruso, o cal resultou chave para as traducións que realizaría máis adiante. A súa produción literaria, tanto de narrativa, poesia e teatro é inmensa, pero destacamos a súa obra como xornalista e cronista por ser a primeira muller galega correspondente de guerra. Viviu acontecementos como a loita das sufraxistas en Inglaterra, o mdesenvolvemento do sindicalismo, a formación do Partido Bolchevique na Rusia tsarista, a guerra do Rif (Marrocos) e a Semana Tráxica de Barcelona; pero sobre todo, as dúas guerras (a Primeira e a Segunda Guerra Mundial) e a persecución dos xudeus polo réxime nazi no gueto de Varsovia. No 1906 é escollida membro da Academia Galega. Un día, unha muller!

Clara Corral Aller: A segunda autora que publicou unha obra en galego no século XIX. Naceu en Ourense no seo dunha familia acomodada, con certa tradición nos oficios artísticos, o 8 de xuño de 1847. E sabido que as súas duas irmás, Rita e Consuleo, tamén escribiron, de feito a primeira é mencionada por Couceiro Freixomil como cultivadora da escrita en galego. En 1868 trasládase a vivir coas irmás a Compostela onde comeza co seu labor literario. Dela conservamos hoxe, basicamente, poemas aparecidos na prensa da súa época. Cómpre mencionar como especialmente salientabeis as tres composicións que escribiu en galego e que publicou en 1879: «O ben na terra», «Lonxe vai miña alegría» e «O día de San Antón», poemas de temática amorosa e elexíaca. Convértese así na segunda muller, da que temos hoxe noticias, que publicou algún texto en galego na historia da nosa literatura. Aparece na listaxe de correspondentes da primeira nómina da Real Academia Galega en 1906. Un dia, unha muller!

Rosalia de Castro: A voz universal de Galiza. O mito real e fundacional da nosa cultura. Adiantada máis de cen anos a súa época, unha visonaria, a primeira poeta social e a muller sobre a que se constrúe a literatura galega contemporánea a partir dos seus poemarios ‘Cantares Gallegos’ e ‘Follas Novas’. Un referente non só para as galegas, se non para todo un pobo. Alguén que teimou en ir contracorrente e falar da problemática e das causas do noso pobo e da nosa lingua, unha rebelde. Fronte a unha imaxe estereotipada de muller fráxil e melancólica, ‘nai’ e ‘santiña’ pola contra foi a denunciante dun sistema social que lexitimaba radicais desigualdades de clase e de sexo, non só porque ela tamén tivo unha vida complexa, se non tamén porque era consciente do pais no que vivia e da súa realidade inxusta, por iso é Rosalia a patriótica e social, a dun pobo oprimido, a feminista mais tamén a Rosalia metafísica, profunda existencia, filosófica. Foi quen de enorgullecernos, as galegas e galegos, perante o sentimento de pretenza a unha terra e converterse na nosa poeta nacional, a nai da nosa patria, a estrela que nos alumea cara a dignidade e a liberdade. Un dia, unha muller!

Pepa A Loba: A Robin Hood galega, entre o mito e a relidade. A finais do século XIX unha muller proscrita, que fuxira ao monte vítima dunha acusación inxusta de asasinato, acusárana de matar ao seu tio, cando o verdadeiro asasino fora seu pai que nunca a recoñecera, alcanzou sona asaltando caciques e cregos, repartindo o botín coa xente máis desfavorecida e vingando coa morte as barbaries cometidas polos poderosos contra o pobo. Xa de nena, ao matar un lobo que pretendia atacar ao rebaño que coidaba, deu conta da súa valentia e bravura e tamén do seu alcume. Hai moitos contos que falan dela, mais o que proba a súa existencia é unha mención que fai dela Concepción Arenal logo dunha visita que lle fai no cárcere de Coruña. Según parece naceu na comarca do Barbanza, nun lugar impreciso chamado Moedo, contra o 1830 e que actuou, capitaneando unha gavela de homes, en lugares espallados da xeografía galega, desde O Courel, pasando por Ferrol e Ortegal, de Ourense a Ribadeo, polo Barbanza, Vilalba ou Mondoñedo. Tal dispersión xeográfica da súa acción suxire a posibilidade de que houbera máis de unha e que outras mulleres acturan baixo o seu alcume e de xeito organizado. Parece ser que situara a súa residencia, durante a década dos 60, na Terra Chá e que antes de estar presa na Coruña tamén o estivera no cárcere de Monterroso. Fica por explorar a súa relación coa raiña Lupa ao compartir alcume e a confusión existente entre ambas mulleres na vila de Lobeira. Un dia, unha muller!

María Francisca de Isla e Losada: Unha muller de letras na Ilustración. Maria Francisca naceu alá pólo 1734 en Compostela, en plena época coñecida como das luces e das letras, mais de sombras para as mulleres xa que a cultura e o coñecemento permanecia reservado aos homes, de feito as mulleres tiñasn prohibido o acceso á universidade. Pertencente a unha família acomodada, filla do matrimonio Isla-Losada, sexta das seis fillas e tres fillos que tivo a parella, entra en contacto coas mulleres máis cultas daquela altura xa desde nova e aos 26 anos comeza a ser coñecida cos apelativos de ‘Perla galega’ e ‘Musa compostelá’. Comeza a cultivar diferentes estilos literários. Vai adquirindo sona ate que é distinguida pola Academia de Belas Artes de Lisboa que a incorpora ao seu catálogo como socia. Cultiva a relación cos fundadores da Real Sociedad Económica de Amigos del País (1784), pero non pertence á esta sociedade porque estaba vetada para as mulleres (o debate sobre o seu ingreso vaise producir un século despois). Dentro deste mundo de relacións culturais hai tres persoeiros que destacan: o Padre Isla, A. Cernadas de Castro –o Cura de Fruime– e o arcebispo Bocanegra. Todos eles están moi presentes nas diversas vertentes da produtividade de María Francisca: a poético-literaria, a epistolar e a editorial. Morre no 1808 en Santiago de Compostela. Un dia, unha muller!

  

Inés de Castro: A protagonista dunha historia de amor que perdurou ate a morte. Naceu na comarca da Limia ao redor do 1325. Era filla bastarda de Pedro Fernández de Castro, primeiro señor xurisdicional de Monforte de Lemos, así que pertencia a unha das casas máis poderosas da nobreza galega. En 1340 Inés acompaña á súa prima Constanza á Corte portuguesa, pois esta ia casar co infante Pedro I, fillo do rei Afonso IV e primo segundo de Inés. Conta a lenda que Inés e Pedro fican engaiolados un do outro con só se coñecer, xusto o dia antes dos esponsais deste con Constanza, e inician a súa historia de amor, chea de atrancos, e que acabou sendo evidente aos ollos da corte, por iso Constanza decide facer a Inés madriña do bebe que esperaba, xa que esa unión espiritual faria imposibel a unión que se debuxaba cada dia de forma máis indiscutible. No 1344 o rei Afonso IV, decide enviar a Inés ao exilio como castigo polo amor e a relación que mantiña co seu fillo. Despois da morte de Constanza en 1345, a parella volve xuntarse ao rescatar Pedro a Inés do desterro. Casan en secreto e teñén catro fillos: os infantes Afonso (que morrerá ao pouco de nacer), Joao, Dinís e Beatriz; pero a súa convivencia verase perturbada pola continua oposición dos reis. Finalmente Inés será axustizada e degolada en 1355, ante a presenza dos seus fillos. En 1357 Pedro herda o trono e xura a declaración de Cantanhede, na que afirma que un ano antes Inés e mais el foran desposados en segredo, polo que lle outorgaba á xa finada Inés de Castro o rango de raíña, e o seu corpo foi trasladado ao mosteiro de Alcobaça e mandou construir un mausoleo en pedra branca. Ao morrer Pedro I no 1367 foi enterrado nunha tumba xusto fronte á de Inés! A historia de Inés de Castro, entre o mito e a realidade, foi levada incluso á ópera, como por exemplo a produción que levou a cabo a Scottish Opera no 1996, composta por James MacMillan e dirixida por Olivia Fuchs. Un día unha muller!

María Pita e Ines de Ben: María Maior Fernández de la Cámara e Pita naceu en Sigrás (Cambre) no ano 1565. Destacou na historia non só pola súa defensa da cidade da Coruña no cerco dos ingleses senon tamén por ser unha muller independente e decidida. Casou catro veces. O seu primeiro marido foi Xoan de Rois, carniceiro. O seu segundo marido foi Gregorio Racamonde, tamén carniceiro que morreu no cerco inglés. Logo casou cun mestre de navío andaluz Sancho Arratia e o seu último home foi un escudeiro da Real audiencia, Gil Bermúdez de Figueroa. A súa vida está chea de preitos, de feito no arquivo do Reino de Galiza consérvanse até 71 de diferentes contidos como, por exemplo, por débedas e apropiacións de bens ou querelas criminais por insultos e agresións. Por estes feitos fixo dúas viaxes á corte de Madrid para solicitar que a eximiran da condena ao desterro. Como tomou parte na defensa da cidade da Coruña fronte aos ataques da armada inglesa capitaneada por Sir Francis Drake o 4 de maio de 1589, e grazas tamén á súa influencia social acabárona convertendo en símbolo e heroína da cidade da Coruña. Mais a historia condenou ao descoñecemento a outra muller que tivo un papel fundamental nestes feitos: Inés de Ben.
Tal e como se transcriben as súas propias declaracións e as de varias testemuñas no Arquivo do Reíno de Galiza nun proceso destinado a restituír todo o que esta muller entregou para a defensa da cidade da Coruña. Non só cedeu o seu negocio, unha merçaria, e todo o material de que dispuña, chumbo, pólvora, corda e outras moitas cousas tamén traballou na reparación dos muros da cidade onde foi ferida por dous disparos, un na cabeza, e un na coxa esquerda. O seu home morreu no cerco da cidade da Coruña. Despois de todos estes feitos percorría as rúas da Coruña medio cega a causa das feridas pedindo un anaco de pan para a ela e para os seus fillos mentres berraba “Non temos medo, temos fame”. Se cadra a historia non foi neutral con estas dúas mulleres e co papel que xogaron na nosa histora. Encumea ou abandona mentres unha é símbolo da loita e da cidade a outra é totalmente descoñecida. Un dia unha muller ou duas! Hoxe todas!

Isabel Risco

Sancha I e Dona Urraca I, as primeiras raiñas do reino de Galiza: Sancha I (dinastia Ordoñez), nada no 1013 e finada no 1069, era filla de Afonso V o Nobre e a raiña Elvira Menéndez de Melanda. Despois da morte do seu irmán Vermudo III, convérsese na herdeira final dos dereitos ao trono de Galiza que logo trasmitiu a súa descendencia, e a primeira raiña en gobernar o reino.
Houbo que agardar duas xeracións para que unha muller voltase a gobernar o reino. Dona Urraca (1081-1126), neta de Sancha, comezou o seu goberno xusto antes da morte do deu pai Afonso VI, e desde o 30 de xuño converteuse en emperatriz ao asumir o goberno de León, Castela e Toledo. Tivo que enfrontarse, dende un principio, á súa condición de muller como consecuencia da obsesión paterna por ter un fillo varón que non chegaba. Coa morte do seu irmán Sancho chegou o lexítimo recoñecemento como herdeira. No seu reinado tivo que facer fronte a multitude de problemas: a reconquista dos territorios musulmáns, a disputa de áreas de influencia con Afonso I de Aragón, con Henrique e Teresa de Portugal, cos bispos e abades de todo o reino, e cos nobres de Galiza, Castela, León, Asturias e Portugal. Un dia, unha muller, ou duas!

Tres Marías, tres mulleres de armas tomar, como os tres vértices dun triángulo, tres puntos xeográficos do pais, desde Armea, Coirós, ate Cereixa, Pobra de Brollón, e pechando esta xeometria de loita feminina en Cangas, na penísula do Morrazo, do século XIII ao XIV ate chegar ao XVI. Maria Castaña, Maria Soliña e María Balteira. Hoxe a quenda é para María Balteira a soldadeira máis famosa da Idade Media, unha muller decidida e adiantada a súa época, independente, artista e inspiradora. Foi a protagonista de quince cantigas de escarnio escritas por dez trobadores distintos, incluído Alfonso X. En moitas delas foi cruelmente criticada por ser unha muller emancipada e feita a si mesma, e por outras decobrimos que participou nunha cruzada e acabou sendo a dona do mosteiro de Sobrado do Monxes. Un dia, unha muller!