luísa vilalta

6 de marzo de 2004: Morre LUÍSA VILLALTA, compromiso coa nosa lingua. Por Soqi Cea Vázquez.

Publicado el 8 marzo, 2020 | Opinión

6 de marzo de 2004: Morre LUÍSA VILLALTA, compromiso coa nosa lingua.
Hai xa dezaseis anos que, entre versos e música de violín, despediamos a Luísa Villalta no cemiterio coruñés de San Amaro. Alí, preto de grandes nomes da nosa historia como Eduardo Pondal, Manuel Murguía ou Curros Enríquez, descansa para sempre Luísa Villalta.
A prolífica autora de poesía, narrativa, ensaio, teatro e textos xornalísticos foi, ademais, profesora de Lingua e Literatura Galegas no Instituto Isaac Díaz Pardo de Sada e unha incansable activista cultural.
Podiamos escoitar a voz de Luísa Villalta en numerosas conferencias, debates ou recitais; así como ler a súa escrita nun feixe de publicacións periódicas (A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, A Trabe de Ouro, Página abierta, …). Nestas colaboracións percibíase a personalidade de Luísa Villalta e o firme compromiso coa nosa lingua. Nun artigo publicado en A Nosa Terra o 17 de xullo de 2003, poucos meses antes de falecer, criticaba a teima dalgúns contra a lingua galega.
Para ela, a perda de uso do galego era un problema odioso e criticaba con carraxe aos representantes públicos que empregaban unicamente a lingua dominante do Estado, o castelán, ignorando a lingua propia, o galego, que debían protexer e fomentar.

A morte desta necesaria muller chegou o 6 de marzo de 2004 cando tiña só 46 anos, perdendo así a unha persoa necesaria comprometida na defensa da nosa maltratada lingua.

A ESTACIÓN
Onda nós nunca pasan os trens.
só chegan ou parten.
Por iso tamén somos nós
a nosa última estación
o noso amor definitivo.

Así podemos marchar
no único sentido posibel
ou esperar o avalo dos viaxeiros
para sentirnos expandidos nas miradas extrañas
que chegan arrastrando as bambalinas do mundo.

Onde nós non hai nunca outro destino
que ser un anónimo fin
ou un glorioso comezo.

Máis alá
máis alá somente o mar
e a incertidume da luz
o extremo
o abismo
o espello detido en nós.

Luísa Villalta.
(1957-2004)

soqui

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

https://www.facebook.com/soqui.ceavazquez

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *