Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
15 de xaneiro de 1850: Nace SOFIA KOVALÉVSKAYA, a matemática con alma de poeta.
A escritora e matemática rusa, considerada a matemática europea máis prestixiosa, foi tamén unha loitadora polos dereitos da muller. Unha das súas teimas foi que se abrisen as portas da universidade ás mulleres. Ela mesma foi educada na súa casa amosando xa aos once anos unha enorme atracción polas matemáticas, pola lectura e pola poesía.
Vendo que a nena tiña unha intelixencia privilexiada, moitas persoas tentaron convencer ao seu pai para que Sofia asistira á escola para continuar os seus estudos. Ao pai de Sofia non lle gustaban nadiña as mulleres sabias, polo que non poñía máis ca atrancos á súa educación.
Podemos imaxinar as enormes dificultades que tivo para poder estudar matemáticas e ciencias na universidade. Daquela, ademais, non estaba ben visto que unha muller solteira viaxara soa ao estranxeiro para estudiar, motivo polo que tivo que casar aos 18 anos. Tivo que pasar por un “matrimonio de conveniencia” para poder estudiar e chegar a ser a primeira muller en gañar unha praza de profesora universitaria en Europa (1881).
Sofia afirmaba: “É imposible ser matemático sen ter alma de poeta. O poeta debe ser capaz de ver o que os demais non ven, debe ver máis profundamente que outras persoas. E o matemático debe facer o mesmo»
Sofía Kovalévskaya, unha das mulleres máis fascinantes e notables do século XIX, morreu en Estocolmo con só 41 anos.