• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


14 de xaneiro de 1994: Morre FEDERICA MONTSENY.
“Renunciou á súa vida de esposa e nai para dedicarse por enteiro á política, á liberación da muller” (Vida Esgleas, filla de Federica).
Federica Montseny Mañé (Madrid, 1905- Francia, 1994), foi a primeira ministra da Europa Occidental, ademais de escritora e xornalista. Con só 16 anos publicou a súa primeira novela curta e ós 20 anos viu a luz a súa primeira novela longa, A Vitoria.
Foi unha gran oradora, o que lle fixo dar mítines por todo o estado. En decembro de 1935 fixo unha viaxe por Betanzos, Ferrol, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Carballo e Ourense. A expectación creada pola súa presenza era enorme. A xira galega, que durou dúas semanas, serviulle a Federica Montseny para espallar as ideas libertarias nesta terra. Con poucos medios e moitos atrancos, milleiros de homes e mulleres escoitaron con abraio a persuasiva e potente voz de Federica. No seu primeiro discurso en Galiza, pronunciado en Betanzos, manifestaba: “Diríxome ós homes, falándolles das mulleres e doulles un bo pau. A ausencia de mulleres no local sérveme de tema e faime comprender un dos aspectos do problema galego…”
A visión de Federica e as súas vivencias en Galiza podemos lelas en galego no libro Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935, publicado pola editorial Trifolium na súa colección Fume de leña.
Federica Montseny foi nomeada ministra de Sanidade e Asistencia Social do goberno da República en novembro de 1936, sendo así a primeira muller ministra do estado español e da Europa Occidental.
Brillante oradora.
O seu labor durou só seis meses, tempo suficiente para organizar lugares de acollida para a infancia totalmente distintos ós deprimentes orfanatos; comedores para embarazadas, unha lista de profesións a exercer por persoas con discapacidade e o primeiro proxecto de Lei do aborto en España. Ningún dos seus outros proxectos chegou a executarse debido á chegada da guerra. Ó igual que outros miles de españois, tivo que exiliarse a Francia onde foi perseguida pola policía nazi e franquista durante anos.
Coa chegada da democracia en 1977 regresou e continuou co seu activismo e compromiso ata a súa morte con 88 anos.
Federica Montseny díxolle adeus a Galiza na Coruña no ano 1935 con estas verbas: “Nobre terra galega! Compañeiros todos, que fixestes tan grata a miña estadía na patria de Rosalía de Castro! Non vos digo: Saúde!, senón Até logo!”
A primeira ministra do estado español. Houbo que agardar case corenta anos para que houbese unha nova ministra (Soledad Becerril).
Federica Montseny tivo dúas fillas e un fillo: Vida, Germinal e Blanca.