mina6

​O BNG traslada ao Parlamento de Galiza a situación “dramática e insostíbel” da rede de saneamento na Gándara, na parroquia oleirense de Nós

Publicado el 3 marzo, 2018 | Noticias, Opinión, Prensa
O deputado do BNG Xosé Luís Rivas Cruz, “Mini”, achegouse esta mañá ao inicio da Rúa Bartolomé de las Casas para coñecer sobre o terreo unha problemática que leva máis dunha década agardando por solucións 
Oleiros, 02/03/2018.- O deputado do BNG no Parlamento de Galiza Xosé Luís Rivas Cruz, “Mini”, achegouse este mediodía á parroquia de Nós, en Oleiros, para coñecer sobre o terreo os constantes problemas coa rede de saneamento que padecen veciñas e veciños da zona da Gándara, especialmente no inicio da Rúa Bartolomé de las Casas, desde hai máis dunha década.
Veciños da zona como Paco Mosquera relataron ao deputado nacionalista como, cada vez que chove cunha mínima intensidade, a tapa de rexistro desborda e a auga sae con tal forza que asolaga a calzada, os arcéns e mesmo algunhas casas. Veciños das casas próximas como Eulogio Barreiro, do número 10 da rúa, ten chegado a padecer o alagamento do interior da súa vivenda a través do cuarto de baño. Con problemas de saúde, este veciño e a súa muller, emigrantes durante décadas e que con moito esforzo edificaron a casa da Gándara para viviren a súa xubilación, tiveron que optar por adquirir outra vivenda e mesmo chegaron a presentar denuncia no xulgado.
A orixe do problema está na rede de saneamento construída no seu día pola sociedade estatal Sepes, procedente do Polígono Industrial do Espírito Santo, en terreos do Concello de Cambre. Esta rede, que leva anos obsoleta e ten pouco diámetro, recibe gran cantidade de augas pluviais no seu percorrido, incluídas augas procedentes da N-VI. O problema agrávase ao terse constatado como algunhas empresas do polígono vertían directamente residuos industriais á rede de pluviais. Así, lévanse anos sucedendo episodios onde os asolagamentos se combinan con olores pestilentes e mesmo con saída de espumas industriais a través do rexistro que van parar ao Río da Gándara e, de alí, á Ría, o que ocasiona un outro punto de vertido ao esteiro coruñés.
Soamente a constancia dos veciños da zona, denunciando cada vertido, fixo que esta problemática non caese no esquecemento durante estes anos e que, finalmente, as diferentes administracións responsábeis -Concellos de Oleiros e Cambre, Augas de Galiza -acabasen por atender unha problemática á que non se deu solución durante máis dunha década. O portavoz municipal do BNG en Oleiros, Fran Rei, e o concelleiro nacionalista en Cambre Brais Cubeiro, que acompañaron a Mini na súa visita á zona, agradeceron os veciños “a súa infinita forza e persistencia” e animáronos a “non renderse”.
A partir das informacións achegadas polos veciños, Mini Rivas trasladará ao Parlamento iniciativas dirixidas ás Consellarías de Medio Ambiente e Infraestruturas, así como a Augas de Galiza, para demandarlles que axilicen o proxecto “imprescindíbel” de construír unha nova rede de saneamento que substitúa a da vella Sepes. O financiamento para este proxecto ten sido solicitado polos concellos de Cambre e Oleiros, porén dous anos despois de ser anunciado continúa sen se facer efectivo. Mentres, os vertidos continúan producíndose cada vez que chove, como onte mesmo.

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *